Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EN MARCHA UN CLUB GALEGO DE ATLETISMO NA CAPITAL CATALÁ

Correndo como "riguiletes" por Barcelona

Un grupo de galegos residentes no Raval constitúe a delegación catalá do Club de Atletismo “Riguilete”, aberto a toda á xente que queira correr levando o distintivo de Galiza ás costas.

Celtia Traviesas - 21:30 06/04/2009

Ir como un riguilete significa na Pontenova (Lugo) pasar moi axiña.“Riguilete” é precisamente o nome do club de atletismo formado neste municipio no ano 1994 por Manuel Valcárcel Lastra e que agora conta cunha “delegación” en Barcelona.

Esta “delegación” puxérona en marcha hai un ano un grupiño de pontenoveses residentes no barrio barcelonés do Raval, está aberta á participación de toda a xente que queira asistir aos adestramentos, ás carreiras ou aos maratóns, sexan galegos ou non. Como nos explica Breogán Valcárcel, comezaron “de xeito lúdico a participar nas carreiras e facíanos ilusión seguir co nome de Riguilete e coas cores verdes da camiseta. Logo foise sumando máis xente e agora xa hai no club un canario, dous cataláns, un marroquí e ata unha rapaza que non coñecemos e que se apunta ás carreiras como riguilete.”

Os adestramentos fanse unha ou dúas veces por semana na Barceloneta, pola Carretera de les Aigües, no Parc de la Ciutadella ou polo Passeig Marítim. Os riguiletes de Barcelona xa teñen participado en varias carreiras por toda a xeografía catalá, como a media maratón de Granollers, e proximamente tamén correrán a media maratón de Pollença, na illa de Mallorca, e teñen pensado participar nunha maratón en pouco tempo.

Os riguiletes barceloneses espertan afección e empatía en xente de moi diversos lugares, achegando así o nome da Pontenova e de Galiza ao atletismo catalán. Isto sucede, entre outras cousas, pola sorna que lle poñen ao deporte. “Caracterizámonos por ir ás carreiras máis desabrigados que o resto, por ser quen de cear cocido a noite antes dunha proba e polo noso emblema: "riguilete, riguilete, polo día moito corres e pola noite moito bebes”, conta Breogán con graza.

O fundador do orixinal Club de Atletismo “Riguilete” da Pontenova, Manuel Valcárcel, foi homenaxeado no 2008 pola Consellería de Deporte pola súa labor cos nenos e nenas das zonas rurais en prol do deporte. Este club pontenovés conta cunha campioa de España e con varios campións galegos.


---
Enderezo de contacto co Club de Atletismo Riguilete de Barcelona.


4,94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dous membros do Riguilete preparándose para a "Cursa dels Bombers" o domingo 5 de abril. (Foto de Julio Quintas)
Dous membros do Riguilete preparándose para a "Cursa dels Bombers" o domingo 5 de abril. (Foto de Julio Quintas)