"En menos dun mes Galiza terá un novo presidente e un novo Goberno", subliña Agustín Hernández, deputado do PPdeG.
Recordando que en poucos días se producirá a investidura do próximo presidente da Xunta, o deputado popular Agustín Hernández salientou este domingo que "en menos dun mes Galiza terá un novo presidente e un novo Goberno" e afirmou que este "non debería estar condicionado polas actuacións dun goberno en funcións".
Hernández, que é un dos representantes do PP nas xuntanzas previas ao traspaso de poderes, confirmou que os respectivos grupos de traballo vanse reunir outra vez o martes 7 de abril.
"Tendo en conta que esta mesma semana o goberno en funcións ten que entregar a documentación máis recente referente ao presupostos, persoal... solicitada polos populares galegos, non sería razoábel que o goberno en funcións fixera ningunha licitación ou adxudicación que puidera supoñer compromisos futuros que, aínda que fora a tomar o novo goberno non debería ser tomado na actualidade", expón Hernández. O representante popular referiuse especificamente de xeito crítico aos departamentos de Política Territorial, Medio Ambiente, Vivenda, Sanidade, e Vicepresidencia. O PP acusa o conxunto do goberno en funcións de ter feito adxudicacións "por valor de máis de 250 millóns".