A Federación Autismo Galicia propuxo tamén, a creación de residencias adaptadas a todas as etapas da vida, e mellorar o traballo na detección precoz.
En Galiza moran máis de 3.500 persoas afectadas polo que se denominan Trastornos do Espectro Autista (TEA), segundo datos da Federación Autismo Galicia. Destas cifras despréndese que un de cada 500 nenos no noso país son autistas.
Aproveitando o Día Mundial da concienciación sobre o autismo, que se celebra esta quinta feira, a Federación quixo reivindicar a necesidade de que as administracións aumenten o número de coidadores especializados no autismo. Segundo dixeron, hoxe en día o número destes profesionais é moi baixo, habendo un por cada sete persoas cando, ao seu ver, "o ideal" sería un coidador por cada tres persoas, unha compensación que axudaría, en grande maneira, a "facer un traballo de calidade".
Os Trastornos do Espectro Autista (TEA)
O autismo é un trastorno do desenvolvemento que se manifesta nos tres primeiros anos de vida, causando diferentes graos de alteración da linguaxe e a comunicación, así como as competencias sociais e da imaxinación. Moitas veces, as persoas afectadas polos TEA chegan a ter un alto grao de discapacidade e dependencia.
O 2 de abril está dedicado a concienciar os cidadáns sobre o que significa ser autista, para a persoa que padece este trastorno e para os seus familiares ou coidadores, e a reclamar unha maior integración destas persoas en todos os ámbitos da sociedade.
En Galiza as mudanzas en atención "van por detrás das necesidades"
Incidindo a necesidade de que as persoas con TEA estean atendidos, dende a Federación Autismo Galicia lembran que Galiza segue a estar entre as últimas autonomías do Estado español en custe por persoa e praza, tanto nas residencias como nos centros de día. Porén, tamén sinalan que a atención "mellorou moito" no noso país, aínda que as mudanzas "van por detrás das necesidades". A seguir, tamén demandaron dende a Federación, unha "rede coherente" que sirva para lles prestar atención ás persoas con este trastorno en "todas as etapas da súa vida", xa que un dos problemas fundamentais cos que se atopan os familiares dun autista é cando este entra na idade adulta, e se enfrontan á posibilidade de que poida sobrevivir ás persoas que habitualmente se ocupan do seu coidado.
Nesta liña, tamén lle pediron ao Goberno que dedique máis esforzos e medios á detección precoz do autismo, xa que non é "un trastorno maioritario" que estea relegado a uns "casos mínimos", senón que indicou que "afecta a un número importante de persoas". En Europa calcúlase que hai tres millóns de persoas afectadas por este trastorno.