A Executiva Nacional decidiu nomear a Ana Pontón viceportavoz do grupo nacionalista.
O máximo órgano de dirección do Bloque decidiu este luns que Carlos Aymerich debe recuncar como voceiro da organización no Hórreo. A Executiva en funcións confía na contrastada experiencia dun parlamentario que cada vez semella ter máis cartas para dirixir a organización. Na mesma xuntanza, decidiuse que Ana Pontón sexa a viceportavoz. Estes postos aprobados unanimemente pola Executiva deberán ser referendados logo da Asemblea Nacional extraordinaria que se vai celebrar en maio.
A Executiva tamén decidiu apoiar as mobilizacións labregas en defensa dun prezo xusto do leite e a manifestación do vindeiro 17 de maio que convoca a Mesa pola Normalización a prol da lingua do país.