Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROPOSTA DA COMISIÓN ORGANIZADORA

As listas comarcais de delegados necesitarán o 10% dos votos para ir a asemblea do BNG

A Executiva debaterá este luns a medida, así como o nome do voceiro nacionalista no Hórreo, e as posíbeis alianzas para as europeas.

Redacción - 14:44 29/03/2009
Tags: asemblea bng

A comisión organizadora da asemblea extraordinaria do BNG, que se celebrará en maio, proporalle ao Consello Nacional reducir até un 10 por cento o mínimo de votos necesarios para que unha lista de delegados prospere nas asembleas comarcais e os seus integrantes acudan ao cónclave. O borrador do documento, que despois deberá someterse a debate e ás emendas das asembleas comarcais, será transmitido á Executiva en funcións na súa reunión deste luns.As diferenzas na redacción do regulamento radican en que a asemblea volva ser por delegados, algo que o Encontro Irmandiño rexeita.

O grupo liderado por Beiras propúxolle á comisión que nas asembleas comarcais cada militante se anotase en listas e que, en función destas, se axeitase a proporción de delegados para que acudise ao cónclave todo aquel que o solicitase. Porén, esta posibilidade non forma parte da proposta formal que se levará ao Consello Nacional do vindeiro 4 de abril, no que se discutirá e votará o regulamento antes de remitirllo ás 24 asembleas comarcais.Outro dos temas que se estudarán na reunión deste luns será a proposta para escoller ao voceiro parlamentario para a nova lexislatura, posto no que previsibelmente repetirá Carlos Aymerich, aínda que sexa de forma provisional até a asemblea de maio.

Con esta fórmula, o BNG evitaría sacar publicamente un novo nome para este posto, dado que Aymerich desenvolvería as mesmas funcións que até agora. En calquera caso, o Bloque terá tempo para ratificar o sábado 4 no Consello Nacional a persoa que ocupará este papel antes de inscribilo na Cámara autonómica, xa que dende o 1 de abril hai un prazo de cinco días hábiles para cumprir este trámite.Na orde do día da reunión de mañá tamén aparecen as eleccións europeas, para as que ao BNG aínda ten que decidir en compañía de que partidos concorrerá.

Durante esta fin de semana houbo contactos aproveitando a asemblea xeral da Alianza Libre Europea (ALE) en Barcelona, onde se integran ERC, EA e BNG, con partidarios de pactar con ERC, como o sector de Xosé Manuel Beiras, e partidarios de Galeuscat, o sector de Anxo Quintana. Porén, os dirixentes de ERC ven complicado que o BNG se integre nesta coalición, onde o Bloque ocuparía o segundo posto da alianza.


3,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: