Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
KUKAS: 30 ANOS DE MONICREQUES

Poetas con alma de bululú

As marionetas de Marcelino de Santiago entran na súa cuarta década co obxectivo de crear un centro de exhibición e formación en Compostela. Vídeo no interior.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 10:54 29/03/2009



Foi un 4 de marzo de 1979; Rosa e Isabel Rey, Jacobo Remuñán, Xosé M. Botana e Marcelino de Santiago 'Kukas' fixeron o seu primeiro espectáculo de monicreques na Feira do Queixo de Arzúa. Propuxéranllo uns días antes mentres tomaban algo no Modus Vivendi de Compostela. "Daquela non había nada en galego para nenos, estaba todo en castelán, e ademais era todo teatro de cachiporra, moi violento. Preguntábanlles aos nenos se querían que matasen ao lobo. E eles berraban 'siiiii!'. Era arrepiante". Na segunda representación, na Praza do Toural, en Santiago, levaron preso a Kukas, que estivo tres días incomunicado e foi xulgado por "criticar ás autoridades" na obra.

"Eramos autodidactas e custounos un pouco. Tivemos que buscar tamén os textos, porque non había nada de nada", di Kukas. "Tivemos que inventar todo, mesmo o nome", explica Isabel Rey, "daquela ninguén dicía monicreques. E hoxe até nos corrixiron algunha vez cando dicimos 'marionetas', e dinnos: 'non, en galego dise monicreques'". "Nunha segunda etapa, xa asentados, comezamos a traballar xa non só na rúa e en espazos ao aire libre (incluso algunha vez tivemos que traballar nalgún cortello) e comezamos a representar tamén en teatros. E comezamos a traballar noutras técnicas máis complicadas, máis aló da marioneta de luva".

"Comezaron a contratarnos nos concellos. E despois xa viñeron os espectáculos do Barriga Verde de Manuel María (en recordo de José Silvent Martínez, fundador do teatro de marionetas galego nos anos cincuenta). Sempre houbo moita tradición en Galiza. Non hai que esquecer que nos espectáculos itinerantes de La Barraca e as Misións Pedagóxicas durante a Segunda República era Rafael Dieste o encargado de crear as obras para títeres".

Os monicreques fan teatro, iso é o fundamental: "A marioneta é un personaxe co que facemos teatro. Se un boneco está quieto, colgado nunha parede, é só un adorno, non é unha marioneta. Dá igual que sexa un garabullo, ou unha marioneta de fíos, ou de luva, de gatillo, burraco, ou calquera técnica, pero o fundamental é que teñen que facer teatro".

Un centro do monicreque: museo e obradoiro de formación
Agora, o obxectivo de Monicreques Kukas é crear un centro en Compostela, onde viven Marcelino de Santiago e Isabel Rey, que sirva de museo e mais de centro de formación. "Agora os titiriteiros seguen sendo autodidactas, aínda non houbo cursos de formación", din. "Sería moi importante para que puidesemos transmitir o que nós aprendemos durante anos, e para que os novos non perdan o tempo comezando dende cero; eles teñen que investigar a partir do que xa hai e para adiante".

"Despois de 30 anos entramos nunha fase nova", di Isabel Rey, que explica: "O que nos gustaría sería crear un centro que por unha parte poida acoller todo o patrimonio material e inmaterial que temos acumulado: centos de marionetas, decorados, deseños, carteis..., serían a base dunha sala de exposicións permanentes. E despois o patrimonio inmaterial, que é todo o que sabemos facer e o que fomos aprendendo nestes anos, tanto sobre a posta en escena como sobre a construción de marionetas".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: