O programa, impulsado polo concello coruñés, a Unión de Pensionistas, Caixa Galicia, a UDC e R, supuxo un investimento de 167 mil euros.
O Concello da Coruña puxo en marcha, de xeito experimental, un proxecto de atención domiciliaria a persoas maiores a través do televisor. O servizo, en funcionamento en cinco centros cívicos e 20 domicilios da cidade, recibe na pantalla o sinal emitido dende o centro de control, na Milagrosa. As persoas usuarias poden realizar consultas médicas mediante videoconferencia ou asistir a clases de adestramento cognitivo.
O proxecto, impulsado polo grupo de investigación en xerontoloxía da UDC, comezou a probarse no mes de xaneiro e xa se aplica de xeito experimental coa participación de 150 persoas, nos centros cívicos de Castrillón, Labañou, Monelos, Rosales e San Diego, ademais de 20 fogares.
O programa piloto foi realidade grazas a un convenio subscrito pola concelleira de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Silvia Longueira; a presidenta da Unión de Pensionistas e Xubilados (UDP), María Luísa Ansorena; o director da Obra Social de Caixa Galicia, Manuel Aguilar, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, coa colaboración do operador de telecomunicacións R. O investimento supera os 167 mil euros.
Segundo explicou o profesor Xosé Carlos Millán, do grupo de investigación de Xerontoloxía, o dispositivo funciona a través dun pequeno ordenador que permite que o sinal que se emite dende o centro de control sexa visible a través da televisión. Cun simulador de rato, deseñado con catro teclas, o usuario pode acceder a través dos distintos servizos que oferta este dispositivo de "telexerontoloxía".
Entre eles, está a posibilidade de recibir atención médica dende a súa casa, un sistema que estará operativo a partir do próximo 30 de marzo mediante videoconferencia, realizar adestramentos de memoria, dispoñer de material sociosanitario de interese para coidadores e pacientes con patoloxías crónicas ou ter un dispositivo de telealarma. Neste último caso, explicou, "trátase dunha pulseira coa que, unha vez pulsada, en caso dunha situación alarma saltará no centro de control o historial clínico do paciente".
A UDC xa fixo un plan de viabilidade para a futura comercialización deste produto, cun custo inicialmente de 100 euros mensuais. No que se refire ás consultas médicas, indicou que haberá un programa semanal a través do que os usuarios poderán saber as horas e os días nas que se poderán conectar co médico, o terapeuta ocupacional ou o enfermeiro adscritos a este servizo.