O abano de propostas achegadas polo Bloque no Congreso solicita tamén fixar unha circunscrición electoral para os residentes no exterior.
Á porta dos comicios europeos o BNG aproveita para sublilar a necesidade de modificar o actual sistema electoral. Os nacionalistas galegos entenden que "as comunidades autónomas son os entes territoriais que definen a singularidade do Estado Español". Por este motivo, e poñendo como exemplo o caso de Alemaña, solicitan que a circunscrición electoral nas eleccións europeas sexan as comunidades autónomas.
É unha das iniciativas que inclúe o documento de propostas sobre procedemento electoral que o Bloque levou á subcomisión para a reforma da lei electoral (LOREX). No informe ocupa espazo destacado o asunto do voto emigrante, apartado onde o BNG insiste na necesidade de equiparar os procedementos do exercicio de voto dos residentes no exterior cos contemplados para os residentes "en territorio estatal". "O BNG non comparte as dificultades esgrimidas polo Consello de Estado para avanzar nalgunhas das cuestións", reprochan sobre este tema, urxindo a que o voto da emigración se realice en urnas instaladas en embaixadas, consulados ou outros centros públicos.
Ao respecto da emigración, o Bloque tamén se manifesta a prol dunha circunscrición electoral para os residentes no exterior. Ademais, chaman a atención sobre a necesidade de "diferenciación entre nacionalidade e recoñecemento do dereito ao sufraxio". A proposta do BNG contempla que ese dereitoquede vencellado "a ter nacido no Estado Español e á acreditación dun determinado período de residencia".
Queixa polas tentacións "presidencialistas"
Ao respecto das eleccións municipais, opinan desde o Bloque moi criticamente contra as propostas que "pretenden a substitución do sistema de representación proporcional" para a elección dos rexedores por un sistema maioritario. Tal extremo é considerado polos nacionalistas como a instauración dun "sistema presidencialista" que non beneficiaría os cidadáns.
Tamén ao fío dos comicios locais, interpretan que debería "reconsiderarse" a posibilidade de outorgarlle dereito a voto aos residentes ausentes. E no caso de mantela, pensan que "debería vincularse o seu exercicio á existencia dun vínculo real do elector co municipio".