Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ante a reforma da Lei de Asilo

"Os dereitos dos inmigrantes non admiten rebaixas"

Amnistía Internacional alerta da posibilidade de que, neste contexto de crise, se adopten máis medidas de control migratorio, "que supoñan unha ameaza para os Dereitos Humanos".

Redacción - 10:00 21/03/2009

A ONG Amnistía Internacional (AI) lembroulle, máis unha vez, ao goberno español a súa obriga de garantir os dereitos persoais dos inmigrantes que veñen á Península na procura de asilo. Ante a situación de crise que estamos a vivir, esta organización considera que se pode "crear un ambiente que xustifique a adopción de máis medidas de control migratorio", que poderían transformarse nunha ameaza para os Dereitos Humanos.

Así describiu a situación Alberto Estévez, voceiro de AI en Galiza, ao tempo que engadía que é o goberno estatal o que ten a "obriga de contrarrestar este fenómeno". Porén, aínda que debería ter elaborado unha Estratexia Integral de Loita contra o Racismo, "nin sequera adoptou medidas efectivas para documentar os incidentes racistas" que se desenvolveron "a mans de particulares ou axentes do Estado", nin ofrece "datos periódicos sobre estes fenómenos".

Estévez tamén lembrou que nos vindeiros meses se han discutir neste Estado tres "importantes reformas lexislativas": a da Lei do Asilo, a da Lei de Estranxeiría e o Código Penal. Nesta liña, o voceiro de AI lembrou que estas revisións poderían implicar recortes dos dereitos dos inmigrantes, refuxiados e solicitantes de asilo. Neste sentido, Estévez lembrou que, dende esta semana, a ONG internacional ten na rede a ciberacción www.actuaconamnistia.org, na que convida a toda a cidadanía a dirixirse ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, para que non rebaixe os dereitos das persoas inmigrantes.

Dos 42 polisóns que solicitaron asilo en Galiza entre 2000 e 2003, só 10 o conseguiron
Entre o 2000 e o 2003 (últimos datos oficiais dispoñíbeis) chegaron a portos do noso país 140 polisóns, dos que 42 solicitaron asilo. Só 10 desas solicitudes foron admitidas a trámite, e o resto consideráronse infundadas, segundo sinalan dende AI, malia a que algúns solicitantes viñan de países en guerra. Na práctica, non dispoñen de asistencia letrada e de intérprete desde o primeiro momento, un feito fundamental para identificar a quen necesita protección. Nesta liña, AI tamén sinalou que ten intención que pedirlle ao novo Goberno Galego que impulse a designación de quendas específicas de estranxeiría e de asilo nos Colexios de Avogados, especialmente nas zonas susceptíbeis de recibir polisóns (Marín, Vigo, Vilagarcía, Coruña, Ferrol ou Ribeira).

Alén disto, aínda consideraron que o proxecto de reforma da Lei de Asilo actualmente en discusión no Congreso español é un "claro paso atrás" respecto da norma actual, alén dun "retroceso nas obrigas internacionais do Estado Español en materia de Dereitos Humanos".


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: