Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
XOSÉ MARÍA CANEDA

“No deporte non hai que poñerse teitos”

O presidente da S.D. Compostela analiza a situación que levou a este histórico do noso fútbol a dominar con autoridade a terceira galega.

Pablo G. Martínez - 09:00 23/03/2009
José María Caneda

José María Caneda

Despois de ser o protagonista principal do ascenso meteórico e descenso turbulento dun Compostela que abraiou ao fútbol estatal fai unha década, José María Caneda volveu facerse, uns anos atrás, coa dirección do club. O proxecto no que está actualmente embarcado comeza a recordar a aquel que o fixo famoso, e o Compostela domina folgadamente a terceira galega, apuntando xa a un novo ascenso de categoría.

Que factores determinan o bo ano do Compostela?

As claves foron fichar ben e, despois, ter aquí a xente con ganas de involucrarse no proxecto.

Pode a boa clasificación ligueira facer que os xogadores se relaxen?
Eles están concienciados de que non poden relaxarse e o único partido no que se relaxaron perderon contra o Lalín. Estas son cousas que non che poden pasar nun partido das eliminatorias de ascenso.

Que catro equipos pensa que van estar arriba cando remate o ano?
Compostela, Montañeros, Ourense e pola cuarta posición van loitar Cerceda e Alondras.

Onde está o teito deste Compostela?
Agora estamos nun proceso semellante ao que nos levou á primeira división fai anos. No deporte non hai que poñerse teitos: hai que subir, subir e seguir subindo até onde poidas, sen falar de divisións ou títulos. Quen lle ía dicir a un equipo como o Vila-real que ía estar xogando a liga de campións?

E a nivel económico cal é a situación actual?
Non temos nada que ver co Compostela de antes e isto está totalmente limpo. Nós compramos un club en liquidación, que a nivel deportivo foi subindo ano a ano.

Entón non terán vostedes problemas para seguir ampliando o cadro coa idea de ser competitivos o ano que vén?
Non se pode pensar no equipo do ano que ven se aínda estamos metidos de cheo nesta tempada. Está claro que todos os anos, cando remata a competición, hai que retocar algunhas pequenas cousas, pero agora non pensamos niso.

No ocaso do Compostela queixábanse do pouco apoio recibido por parte do goberno municipal compostelán. Cal é a relación que teñen vostedes con eles actualmente?
A nosa relación co concello é nula, porque eles queren marxinar ao Compostela e non lles interesa apoiarnos, malia ser o primeiro equipo da cidade. Aquí todos teñen subvención menos nós: o Lobelle, o Rosalía, o Pío XII ou o Ciudad de Santiago.

Algo que acontece moito aos equipos que van medrando é que, en ocasións, prevén un orzamento por enriba das súas posibilidades, como lle aconteceu aos seus veciños do Ciudad. Vostedes están sendo precavidos neste senso?
O caso do Ciudad é especial, porque foi feito por un capricho do concello, apoiándose en grupos económicos afíns ao goberno municipal. É un equipo feito cos pes de barro, xa que cando comezou estaba claro que o Fátima non podía afrontar eses presupostos. Nós sabemos que para cumprir os obxectivos debemos correr un certo risco, pero sempre controlado e, de feito, eu sempre fago uns presupostos cun 25% de gastos menos que de ingresos. Esta foi a fórmula que levei a cabo sempre e foi a que permitiu que o equipo tivera un superávit de 1200 millóns de pesetas cando baixou a segunda división, malia as débedas que tiña connosco a TVG. Este ano estamos tendo algúns problemas económicos por causa da crise, pero non é nada grave.

E nese sentido, como lles pode afectar a redución da achega publicitaria que está sufrindo o fútbol de elite?
Penso que a medida que a xente vaia perdendo o medo á crise imos ir achegándonos aos obxectivos que temos. A nivel de elite esas tolerías que se están facendo no fútbol teñen que ceder. O primeiro que deben facer os gobernos é dar exemplo impedindo que equipos que lle deben enormes cantidades de diñeiro a facenda podan despois fichar xogadores. Pero iso ten unha dobre moral, porque facenda leva despois unha porcentaxe importante destas fichaxes.


3,92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: