Presentouse en Fene o documental, que repasa os sesenta anos de historia do estaleiro, o seu auxe, e a reconversión. Vídeo no interior.
'Astano, a forxa dun soño' conta a historia dun dos máis grandes proxectos industriais galegos, Astano, creado en 1941 polo enxeñeiro José María González-Llanos, seguindo a tradición de construción de barcos que na Ría de Ferrol comezara no século XVIII. A partir dos anos sesenta, e sobre todo nos setenta, a empresa rivalizou cos máis importantes estaleiros de todo o planeta, aproveitando a man de obra barata e a calidade do seu traballo, un investimento en I+D+i antes da palabra que despois foi desaproveitado.
En 1979 o INI faise cargo dos estaleiros. É o momento de maior esplendor de Astano, que supera os seis mil postos de traballo directos, e outros tantos indirectos. Ferrol é daquela a terceira cidade de Galiza, con cen mil habitantes (hoxe é a sétima, con trinta mil menos) e Astano é o motor de toda a comarca, sobre todo de Fene ou Neda. O documental conta estes anos, e tamén a posterior crise, provocada polo descenso mundial da demanda de grandes barcos, e nos límites impostos polo goberno español e as institucións europeas, que dende comezos dos anos oitenta deciden especializar a Astano na construción de plataformas off-shore, perdendo a meirande parte dos seus traballadores (só na primeira reconversión foron despedidos 3.600), e integrándose finalmente, canda ao estaleiros militares Bazán da outra beira da ría, en Navantia.
O filme, producido por Zenit TV, contou coa participación da Consellaría de Cultura, Navantia e o Concello de Fene e presentouse este luns no Ateneo de Ferrol.
Trailer de 'A forxa dun soño'
Botadura do 'Arteaga' en 1972
'30 anos de veto político'
'A historia de Astano 1970-2008'