Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RESOLUCIÓN DO CONSELLO NACIONAL

2.500 delegados escollerán o vindeiro 10 de maio a nova dirección do BNG

Logo da dimisión de Quintana e de toda a Executiva, unha comisión composta por sete militantes será a encargada de organizar todos os preparativos. Vídeo no interior.

Redacción - 19:00 14/03/2009
Tags:

O Consello Nacional decidiu fixar para o vindeiro 10 de maio a Asemblea Nacional extraordinaria que dotará o BNG dunha nova dirección política. Logo de case cinco horas de xuntanza, que comezou coa dimisión en pleno da Executiva Nacional (incluído o líder, Anxo Quintana), decidiuse que na comisión organizadora da asemblea estean presentes representantes de todos os sectores do BNG: Francisco Jorquera e Alberte Ansede (UPG); Carlos Aymerich e Roberto Mera (quintanistas); Mario López Rico (Encontro Irmandiño); Alberte Rodríguez Feixoo (Esquerda Nacionalista); e Noa Presas Bergantiños (do sector do Movemento pola Base que continúa dentro do Bloque).

Finalmente a asemblea vai ser por delegados. Un total de 2.500, un milleiro máis que na última, acudirán á cita. A UPG e o “quintanismo” non aceptaron a demanda dos sectores críticos que exixían que todos os afiliados puidesen asistir. Porén, entre todos acordaron facer unha “asemblea moi participativa” na que se revisen as teses políticas da organización.

Logo da dimisión en pleno da Executiva, que só mantén en funcións as diferentes secretarías, o Consello Nacional vai ser o máximo órgano político do BNG até que a asemblea nacional elixa unha nova dirección.

Diferentes fontes do BNG consultadas por Vieiros, sinalaron que o Consello Nacional transcorreu dunha maneira máis ordeada do que en principio se agardaba. Poucas horas antes do mesmo intensificáronse as reunións a varias bandas. Os “quintanistas” primeiro e logo a UPG aceptaron dúas das tres condicións que poñían os sectores críticos: Dimisión da Executiva e convocatoria urxente dunha Asemblea Nacional.

Durante as vindeiras semanas as distintas partes intentarán presentar unha candidatura unitaria na que estean presentes todas as sensibilidades da fronte. De concretarse, a férrea alianza entre UPG e “quintanistas” deixará paso a combinacións máis plurais.

(11.40 horas)
O até o de agora voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, abriu este sábado o Consello Nacional da formación anunciando que nas vindeiras semanas vai abandonar o cargo de voceiro nacional. Nun discurso de pouco máis de quince minutos, Quintana revelou que a Executiva Nacional dimite en pleno, aínda que queda en funcións para evitar un baldío até que se celebre a Asemblea Nacional extraordinaria. O Consello Nacional ten que elixir agora unha xestora que será a encargada de preparar a asemblea.

O de Allariz propuxo unha asemblea por delegados aínda que pediu que fose “o máis ampla posíbel”. Para iso, avogou para que, como mínimo, participen 2.500 militantes. Quintana sinalou que maio podería ser a data idónea para o debate nacional. Logo de anunciar que non se presentaría outra vez á portavocía nacional, Quintana afirmou que, aínda abandonando a primeira liña, "sempre vou estar ao dispór do BNG".

Quintana pediu perdón polos posíbeis erros cometidos e convidou á militancia a manter a unidade da organización. Posteriormente, xa a porta pechada, comezou o debate no Consello Nacional.


4,63/5 (35 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Video 1: Anxo Quintana anuncia a súa dimisión e a de toda a Executiva

Vídeo 2: Chamada á reflexión e á autocrítica de Anxo Quintana

O Consello Nacional reuníuse este sábado en Compostela
O Consello Nacional reuníuse este sábado en Compostela
Os quince membros da Executiva Nacional dimiten e quedan en funcións até a asemblea que se vai celebrar en poucas semanas
Os quince membros da Executiva Nacional dimiten e quedan en funcións até a asemblea que se vai celebrar en poucas semanas