A estreita diferencia entre PP e PSOE fai que a circunscrición ourensá sexa a única onde o sufraxio exterior pode modificar un escano, que caería en favor dos socialistas.
O escrutinio do voto emigrante correspondente ás últimas eleccións comezou este luns nas catro Xuntas Electorais Provinciais, que recibiron as papeletas do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). Desde o PSdeG confían en que o escrutinio do voto emigrante correspondente ás eleccións autonómicas do pasado domingo día 1 modifique a repartición de escanos pola provincia de Ourense e lles dea o seu quinto deputado. Correos entregara até o venres unhas 90 mil papeletas do CERA, ás que hai que sumarlle os 2.154 sobres depositados en distintos consulados, segundo indicou o Ministerio de Asuntos Exteriores.
Por parte do PPdeG opinan que o voto exterior "confirmará" o resultado obtido en Galiza e que lle outorga aos populares unha maioría absoluta, subliñan, "indiscutíbel". O PSdeG aspira a remontar un escano na provincia de Ourense que lle permitiría igualar o número de asentos conseguido no Pazo do Hórreo durante a anterior lexislatura.
Pola súa banda, o BNG advirte de que "calquera alteración" dos resultados estaría "baixo a sombra da sospeita" debido á "falta de garantías" no sistema de voto. "Por saúde democrática, é mellor que non modifique nada", advertiu Carlos Aymerich, voceiro parlamentario da formación frentista durante a pasada lexislatura.
O PP confía en "confirmar" os 39 asentos
O deputado electo do PPdeG Antonio Rodríguez Miranda, quen a pasada lexislatura actuou como voceiro do Grupo Popular na Comisión de Investigación sobre a suposta axente electoral do PSdeG, avoga por "esperar" para ver o resultado electoral final.
Non obstante, aínda que admitiu que o resultado na provincia de Ourense, na lista da cal concorreu como número seis, "é axustado" e que "cabería a posibilidade de que houbese algunha variación", confiou en que os votos dos emigrantes non fagan senón "confirmar" o resultado obtido polo PP en Galiza. "Non vai cambiar o resultado, senón confirmalo", insistiu, e asegurou que, en calquera caso, o seu partido "respectará" a vontade da emigración. "Somos demócratas", resaltou Rodríguez Miranda, e aproveitou para criticar que PSdeG e BNG "non estiveron á altura" e "non cumpriron" a súa promesa de que os residentes ausentes votarían en urna para "evitar dúbidas" sobre eses sufraxios.
O PSdeG espera rabuñar os 500 votos necesarios
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Marisol Soneira, quen concorreu a estas eleccións como número oito pola provincia d'A Coruña e que exerceu como voceira de Emigración durante a anterior lexislatura, afirmou que o seu partido "pode gañar un escano" en Ourense en caso de que "se manteña a tendencia de voto dos últimos anos".
"Non digo que estea feito, porque depende dos cidadáns, pero a miña intuición dime que podemos recortarlle un escano ao PP", explicou, posto que os populares conservaron o seu oitavo deputado por uns 500 votos, co cal, aos socialistas chegaríalles con compensar esta diferenza co voto emigrante e obter cinco papeletas ao seu favor por cada oito do PPdeG. Porén, interpretou que é "imposíbel" arrebatarlle outro escano máis, neste caso en Pontevedra e ao BNG, que quedaría con tres deputados na provincia e 11 en total. Para iso, os socialistas necesitan máis de 29.000 papeletas favorábeis á súa candidatura, unha cifra "moi difícil de conseguir", recoñeceu.
O BNG subliña a sombra da "sospeita"
O ex voceiro parlamentario do BNG e membro da Executiva nacionalista, Carlos Aymerich, entende que "o mellor" sería que os votos da diáspora "non modificasen o resultado que xa decidiu o pobo galego". "Mentres non se reforme o sistema, calquera resultado vai estar sempre baixo a sombra da sospeita, porque se sabe que hai mortos que votan", lamentou.
Do mesmo modo, incidiu en que os residentes ausentes non contan coas mesmas garantías de "exercer un voto de carácter persoal, libre e secreto" que os que habitan en Galiza e reprobou que este sistema permita "que uns voten por outros, que voten mortos e que se manipule o voto". "Por saúde democrática, mellor que o voto non modifique nada", subliñou.
Un CERA de máis de 335 mil persoas
Nestas eleccións tiñan dereito a voto 335.357 persoas, o que supón o 12,7% do censo total de electores. A Coruña é a provincia que máis cidadáns ten no exterior, un total de 117.882, aínda que proporcionalmente é Ourense a que ocupa o primeiro posto, cun 20,94% de desprazados. Séguena Lugo, cun 12,17%; Pontevedra, cun 11,3%; e A Coruña, cun 11%.
En canto ás cidades galegas, Ourense tamén é a que ten un CERA máis elevado, que ascende o 13,19%. Por detrás, sitúanse Pontevedra, cun 12,57%; Santiago, cun 8,79%; A Coruña, cun 7,65%; Vigo, cun 5,8%; Lugo, cun 5,53%; e Ferrol, cun 3,92%.
Os principais países de acollida son Arxentina, con 121.207 galegos; Venezuela, con 33.936; Brasil, con 30.625; Suíza, con 29.117; e Uruguai, con 28.537. Outras colonias menores son Francia, con 15.898 emigrantes; Alemaña, con 13.064; Cuba, con 12.171; Reino Unido, con 9.964; e Estados Unidos, con 9.780 emigrantes.
Na cita coas urnas en 2005 o CERA estaba integrado por 305.017 persoas, das cales exerceron o seu dereito ao sufraxio 105.852. Na repartición de apoios, o PPdeG levou 52.364 votos dos emigrantes hai catro anos, mentres que o PSdeG foi apoiado por 45.432 residentes no estranxeiro e o BNG por 4.933, co cal, en 2005 non se produciu ningún cambio na repartición de escanos a raíz do escrutinio do voto da diáspora.