Adega e a Fundación Xermán Estévez acusan a altos cargos de Política Territorial de facilitarlle as cousas á empresa Iberdrola para esbandallar o canón.
A asociación ecoloxista Adega e a Fundación Xermán Estévez pedíronlles responsabilidades aos altos cargos da Dirección Xeral de Urbanismo -dependente da Consellaría de Política Territorial-, entre eles o director xeral, Ramón Saúl Lueje Espina, por autorizar a apertura de galerías subterráneas na cunca do Miño-Sil, na altura do Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), sen que existise un informe de impacto ambiental previo.
Ao parecer, os traballos nesta zona, desenvolvidos pola empresa Iberdrola, comezaron o 16 de xuño do ano pasado, e o dito informe chegou con data posterior, do 8 de xullo.
Mobilización contra as concesións hidráulicas
Segundo contan dende Adega, estes datos "demostran que se saltou o procedemento administrativo" e que, ao mesmo tempo, "se precipitaron os prazos", xa que non se agardou pola autorización definitiva, que é obra do Ministerio de Medio Ambiente. Por isto pídenlle á Xunta que anule "unha autorización ilegal que vulnera o procedemento estabelecido". Por outro lado, a asociación ecoloxista e máis a fundación han enviar toda a documentación da que dispoñen á Fiscalía de Medio Ambiente, para que investigue por que Política Territorial autorizou unhas obras "sen ter as debidas competencias" para facelo, e sen respectar, ao mesmo tempo, "unha normativa ambiental en vigor". Alén disto, pídenlle ao novo Goberno que "depure responsabilidades" ante este xeito de actuar dos responsábeis.
Nos vindeiros días, a Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra, da que fan parte ámbalas dúas asociacións, ten previsto desenvolver accións de protesta contra as concesións hidráulicas, cuxos proxectos inclúen a construción de seis ampliacións de encoros nesta cunca, que supoñen, din "un atentando contra a paisaxe e contra a vida dos ríos".