Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PSOE GAÑARÍA O DEPUTADO 25

O voto emigrante pode deixar ao PP cun escano menos en Ourense

Os socialistas, a só 300 votos de roubarlle aos populares ese último escano, necesitan apenas repetir o resultado obtido en 2005 entre os emigrantes.

Redacción - 19:24 02/03/2009

38-25-12. Ese é o resultado final máis probábel para as eleccións do 1 de marzo. O voto emigrante deixará ao PP sen o seu escano 39, que perderá en Ourense en beneficio do PSdeG-PSOE. Escrutado o 100% dos votos na provincia, os populares mantiñan os oito escanos que obtiveran en 2005, por 4 os socialistas e 2 o BNG. Porén, a diferenza entre PP e PSOE polo último escano en xogo era mínima, e finalmente caeu do lado dos de Núñez Feijoo por apenas 310 votos. Así pois, o voto emigrante outorgará con case toda probabilidade este deputado ao PSdeG-PSOE, que regresará aos 25.

No 2005 o PP obtivo 10.928 votos entre os emigrantes ourensáns, por 8.359 do PSOE e 1.015 do BNG. Ademais, nas eleccións xerais do pasado ano, os socialistas superaron amplamente aos populares. Nesta ocasión, ao PSOE abóndalle con repetir os seus resultados de 2005, pois só ten que acadar cinco votos por cada oito que consiga o PP, máis outros 310. Así pois a octava deputada do PP, a limiá Iolanda Díaz Lugilde terá que ceder o seu escano á socialista María Quintas.

Porén, a maioría absoluta do PP non está en perigo de ningún xeito. A outra provincia na que o último escano está máis axustado é Lugo. Pero alí o PSOE está a dez mil votos de acadar esta última acta; para acadala tería que facerse practicamente co 100% dos votos dos residentes ausentes da provincia de Lugo.


4,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: