Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Tras aprobarse a emenda do PP

A Mesa e o BNG defenderán no Parlamento Europeo o ensino en galego

Carlos Callón e Ana Miranda manterán diversos encontros en Bruxelas, nos que darán a coñecer a situación real da nosa lingua.

Redacción - 11:39 21/02/2009
O mapa das linguas en perigo da UNESCO

O mapa das linguas en perigo da UNESCO

O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e a voceira do BNG en Bruxelas e vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE), Ana Miranda, van manter diferentes reunións no Parlamento europeo a vindeira terza feira 24 de febreiro, día de Entroido, para explicar a situación do galego e defender o ensino na nosa lingua.

As xuntanzas serán con varios membros da Comisión de Cultura e Educación da Eurocámara, na que esta semana o deputado portugués -do Partido Popular Europeo-, Vasco Graça Moura presentou un relatorio non vinculante sobre o multilingüismo. A polémica chegou cando o eurodeputado do PP, Luis Herrero, presentou unha emenda, que foi aprobada, na que sinala que "ningún escolar poderá ser privado do ensino na lingua oficial do Estado".

Contra o "apartheid e o racismo lingüístico"
Ámbolos dous representantes galegos entenden tal proposta como "nefasta para a convivencia" e "contraria ao ordenamento xurídico do Estado, tamén ao aprobado no seu día polo propio PP", e lembran que, segundo Herrero, os escolares si poden ser privados do ensino nas linguas propias e históricas que existen no Estado español, como o galego, o catalán ou o vasco, "nesa idea do racismo lingüístico de que hai idiomas de primeira e de segunda".

Para amosarlle a súa visión, Callón e Miranda manterán unha reunión co propio autor do informe, Graça Moura, a quen lle explicarán a situación da coexistencia cooficial do galego en Galiza, e a realidade tanto legal como práctica no sistema educativo. Para iso, achegaranlle o relatorio do Consello de Europa, no cal se lembra a penosa situación do noso idioma na escola, os estudos sobre a situación do galego no ensino na actualidade e o estipulado pola Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias subscrita polo Estado español por unanimidade, sendo presidente do Goberno do Estado José María Aznar. A delegación galega manterá encontros ademais con eurodeputadas e eurodeputados de diferentes grupos políticos.

A situación do galego non mudou para ben, ao contrario do que di a UNESCO
Por outra banda, A Mesa pola Normalización Lingüística faralle chegar o seu desacordo á UNESCO pola metodoloxía seguida na elaboración do mapa das linguas en perigo, no que non aparece o galego. Segundo o presidente desta asociación, Carlos Callón, "oxalá mudase a situación do galego, mais o que mudou é a metodoloxía para facer o mapa das linguas en perigo".

A Mesa lembra que os estudos sociolingüísticos oficiais sinalan que o galego pasou en 12 anos de ser a lingua inicial do 60% dos galegos a selo só do 20%, nunha abrupta caída que non se ve nin no catalán nin no vasco. Ademais, organismos do prestixio do Consello de Europa, tras realizaren visitas in situ a Galiza, advirten da precariedade real en que se encontra o noso idioma.

Segundo A Mesa, desta volta a UNESCO non tivo en conta a situación dos idiomas en perigo alí onde se falan, senón que centrou a súa análise nas "estruturas lingüísticas en perigo". Ao entender que o galego e o portugués teñen esencialmente a mesma estrutura, non atenderon especificamente á nosa lingua, nin, segundo contan dende A Mesa, "á imposibilidade de utilizar o galego en todos os ámbitos, ás frecuentes discriminacións polo seu uso nin á forte e constatada caída na transmisión xeracional". Callón observa que "por iso tampouco inclúen a situación do español en Puerto Rico ou do catalán en Francia, considerando que hai outros lugares do mundo onde estas linguas teñen maiores ou plenas garantías para o seu futuro". Para o presidente da Mesa, "estraño mapa é ese onde non se teñen en conta as diferenzas das linguas por territorios".


4,95/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: