Falamos con María do Carme López Santamariña, Secretaria Confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG.
María do Carme López Santamariña, Secretaria Confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG
"No campo que me toca defender, Muller e Políticas de Muller, e nese ámbito de conciliación da vida laboral e familiar penso que hai importantes desafíos onde as forzas políticas teñen marxe de traballo ampla.
Para nós o fundamental é que se siga a traballar sobre todo pola conquista dun marco lexislativo propio de Galiza e onde estea presente neste campo a realidade do noso país. Promulgáronse nestes anos leis moi importantes neste ámbito, pero é importante que avancemos máis nas iniciativas que vimos apenas abrollar.
Mais neste momento de crise, cremos que é decisivo irmos máis aló e crear unha Lei de Igualdade propia no ámbito do traballo en Galiza. Pensada para a realidade do noso país. Algo que sexa máis que unha escolma de boas intencións, estabelecendo puntos de obrigado cumprimento e fixando sancións. Por exemplo, o feito de que empresas con menos de 50 traballadores teñan a obriga de teren un plan de igualdade, algo que agora mesmo só teñen as que superan os 250 empregados, deixando o resto a vontade da propia empresa. É fundamental que no marco galego se camiñe cara á fixación dun marco legal concreto e preciso. Non podemos quedar sempre na simple declaración de intencións. Hai que dar pasos adicionais e apostarmos polo cumprimento duns mínimos obrigatorios.
Tamén é clave que se garanta para as mulleres a estabilidade laboral, á beira de condicións laborais dignas e salarios xustos. Estamos falando de estatísticas moi graves ao respecto da situación da muller en todos os indicadores. O marco actual deixa abertos moitos buratos, por exemplo na propia negociación dos convenios colectivos onde se deixan cuestións clave a vontade da negociación das partes, sendo como é que se a empresa non quere dar o paso é moi difícil a solución. Hai que fixar criterios claros. É necesario que se garanta igual retribución por igual traballo para a muller diante do home. Hai que rachar con esa estatística que evidencia que a muller segue aparecendo sempre por baixo do home, cunha fenda media que en termos de soldo supón até un 30% medio de diferencia. É importante rachar con esas barreiras e conseguir a implicación de todas as partes, desde administración até empresarios, para corrixir esas desigualdades retributivas.
Pero é que ademais, as desigualdades no mundo laboral van máis aló desa simple cuestión salarial: as mulleres están abocadas no escenario laboral a traballar non só por salarios máis baixos, senón en postos máis baixos, en condicións máis precarias e situacións moi penosas. Pensemos por exemplo na propia perspectiva de xénero en saúde laboral: a corrección e introdución de iniciativas concretas nese ámbito é imprescindíbel. Hai temas relativos á conciliación nos que só dispoñemos de declaracións de intencións. Doenzas de mulleres que están pendentes de seren recoñecidas como enfermidades laborais.
Un último eixo a destacar é o que lle toca á aplicación efectiva e real de todas estas políticas de igualdade das que vimos falando no ámbito do persoal da administración pública. É dicir, no escenario das institucións que nos representan debera haber unha sensibilidade especial cara a estas cousas. Deberan ser os primeiros en tomar nota e seren ambiciosos, pero son os primeiros en incumprir. A área pública carece agora mesmo en todos os sectores en Galiza de plans de igualdade.
Unha derradeira cuestión a non esquecer é que todo isto do que falamos debe ir acompañado dun afondamento en políticas sociais fortes que faciliten a conciliación: redes de escolas de infantil, atención a dependentes... Axuda en ámbitos onde socialmente a muller está asumindo cargas de traballo en situacións que non favorecen a conciliación do ámbito laboral e familia"