Rexeitou a personación do partido na causa e engadiu que só se inhibirá na investigación das persoas aforadas.
O xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón, que está a investigar a presunta trama de corrupción no PP de Madrid e de Valencia desmantelada na Operación Gürtel, anticipou "serios indicios de que persoas vencelladas a esa formación política poderían ter responsabilidade nesa causa", ao tempo que rexeitou a personación do Partido Popular na causa.
No auto, de dúas páxinas, contra o que cabe recurso perante a Sala do Penal, o maxistrado afirma que a resolución na que se inhibirá da causa "producirase cando conclúa a análise pericial dos documentos e datos obtidos na investigación, cando menos parcialmente". Esa investigación corresponderíalle ao Tribunal Supremo se os imputados fosen membros do goberno español e deputados no Congreso ou aos Tribunais Superiores madrileño e valenciano se ocupasen cargos autonómicos.
Porén, esa inhibición de Garzón a prol do Supremo ou dos tribunais superiores referiríase exclusivamente á parte da investigación que lles afectase aos aforados, mentres que o xuíz continuaría a instrución do resto da causa.
O maxistrado explica que o PP "non pode ostentar" a condición de parte personada na causa, e evita entrar a decidir sobre a recusación que presentou contra el o PP alegando "inimizade manifesta" e "animosidade contra o partido".