A obra de Patricia de Lorenzo, Natalia Outeiro e Xesús Ron estará na sala compostelá até o 1 de marzo.
Chévere volve estrear na NASA despois de cinco anos nos que estivo centrado noutros proxectos A Cultura Circula, a sitcom Pepe o Inglés, e máis recentemente o filme Os Crebinsky. Testosterona é un proxecto de creación escénica e intervención cultural sobre identidade e construción de xénero, que se puxo en marcha no mes de xullo de 2008. O primeiro resultado do proxecto foi un obradoiro parateatral dirixido a mulleres que leva por título "Ser home por un día", co que se quere acadar unha experiencia colectiva de emancipación de xénero.
O segundo produto asociado ao proxecto é este espectáculo, creado por Patricia de Lorenzo, Natalia Outeiro e Xesús Ron. Trátase dunha obra de teatro que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e formula a posibilidade dun xénero modificábel e flexíbel. "Testosterona é un exorcismo emancipatorio e teatral que se sirve tanto da música en directo, a performance, o transformismo, a comedia, o naturalismo, o vídeo ou o melodrama, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia", din.
E cal é a historia a través da que se conta todo isto? Tito e Fran son dous colegas que acaban de montar un grupete de punk-rock, Os Dildos. Hoxe terán que tocar eles dous sós, guitarra e batería, porque Luismi, o baixista, deixou o grupo antes de que puidesen dar o seu primeiro concerto. Tito é a figura carismática dos Dildos, un guitarrista curtido en todo tipo de conflitos e disputas. Fran é o cerebro do grupo, un baterista atípico que escribe coa mesma contundencia coa que golpea na caixa.
A obra estréase este xoves na Sala Nasa, a partir das nove e media da noite, con representacións de xoves a domingo (os domingos ás oito da tarde).