Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
AS CANCIÓNS DE CADA PARTIDO

Banda sonora para unhas eleccións

Se os comicios fosen un 'top' musical, pelexarían polo 'número un' Xoel López, Los Limones e Berrogüetto.

M.S.P. - 12:30 16/02/2009

Afixémonos xa a ver ao candidato subir ao estrado do mitin acompañado dunha canción, unha sintonía identificativa do seu partido, a mesma que percorre as rúas en coches e altofalantes, e que completa os spots electorais. Cada partido ten a súa, con letra, sen ela, canción orixinal ou versión, algunha empregada dende hai anos e outras creadas para a ocasión. Hai uns días o PSdeG-PSOE presentaba a súa canción para a campaña do 1 de marzo, unha versión do Quen poidera namorala de Luís Emilio Batallán encargada a Xoel López (ex Deluxe). E velaquí a temos:

Xoel López: Quen poidera namorala (L.E. Batallán)

A canción complemetarase coas habituais sintonías dos socialistas, é dicir a xa tradicional Aria da Rosa, que conta con múltiples versións, descargábeis na súa páxina web, entre elas unha 'galega', con gaitas, ademais de outras orquestais, rock, ou jazz. Así é todo, Xoel ten que compartir protagonismo con Supergrass e o seu Alright, unha "música alegre", como a definiu o propio Touriño no mitin de apertura de campaña. O We are young, we run green co que se abre o tema acompaña a entrada dos líderes socialistas nos seus mítins:

Supergrass: Alright

Pola súa banda, o BNG repite a melodía que acompañou as súas últimas campañas, a das eleccións municipais de 2007 e as das xerais de 2008. É o Xente, que Berrogüetto publicou no seu álbum 10.0:

Berrogüetto: Xente

O Partido Popular encargoulles a Los Limones unha canción orixinal para esta campaña. Chámase Chegou o momento, igual que un dos lemas empregados por Núñez Feijoo. O grupo ferrolán xa compuxo e cantou o tema musical (Amar Ferrol) co que Juan Juncal tentou recuncar á fronte da alcaldía de Ferrol nas municipais de 2007.

Los Limones: Chegou o momento

Por suposto, os temas elixidos sofren despois transformacións, variacións, versións para adaptarse aos distintos momentos de cada campaña. É así que o Himno do PP, a xa coñecida canción dos populares, utilizada polo partido conservador dende hai anos, está dispoñíbel en oito versións: festa, xenérica, sinfónica, techno e... bakalao.

Himno do PP (versión Bakalao)

Pero non só os tres grandes partidos de Galiza teñen a súa sintonía oficial. Tamén Esquerda Unida, por exemplo, conta cun tema que identifica aos seus candidatos, e co que se abren os seus actos electorais. É o 'Cuarto Estado', unha peza composta por Ennio Morricone para banda sonora de Novecento:

Ennio Morricone: Il quarto stato (B.S.O. de Novecento)

Terra Galega
preséntase por vez primeira ás autonómicas e para a ocasión encargou unha canción, un Himno de Terra Galega, a un músico de Arteixo. Soa así:

Himno de Terra Galega

Finalmente, a Frente Popular Galega utilizará nos seus actos o tema Cetvorno, dos Ulträqäns, cos que chegaron a un acordo para que a súa música se convertise na banda sonora da formación independentista:

Ulträqäns: Cetvorno


4,71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: