Calquera vendedor poderá ofrecer os seus produtos na web, sen custo nin intermediarios.
Trátase dunha plataforma de comercio electrónico pioneira a nivel do Estado Español, Mercadogalego.eu, que permitirá que calquera comerciante do país poida vender os seus produtos na rede e posicionarse, de xeito complementario á venda presencial ou mesmo ao seu propio portal de comercio electrónico, sen custo pola súa parte.
Xa están a participar na iniciativa case un cento de estabelecementos, que ofertan arredor de 500 produtos diferentes. A plataforma visibiliza os produtos por riba dos seus estabelecementos comercializadores. Ademais, incorpora unha pioneira pasarela de comercio electrónico, desenvolvida por Caixa Galicia, que permite o multipago: a persoa compradora pode adquirir produtos de diferentes provedores efectuando un único pagamento. O sistema encárgase de repartir o importe entre cada comerciante. Asemade, evita a necesidade de contar con intermediarios na comercialización.
Segundo indicou a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, a plataforma ofrece vantaxes como poder poñer ao dispor dos consumidores a mercadoría as 24 horas do día dende calquera lugar, e permitir que os pequenos comercios compitan na internet nas mesmas condicións que calquera outro proxecto comercial internacional.
Rúa explicou que as vendas por internet están a avanzar, mesmo a pesar da conxuntura económica, e que a Unión Europea prevé que o volume de negocio se incremente nun 230% nos próximos cinco anos. O servizo contribuirá tamén a que Galiza converxa con Europa neste sentido, rachando co "falso tópico de que Galiza estea atrasada". O lanzamento do portal irá acompañado, máis adiante, dunha campaña promocional para posicionalo e dalo a coñecer tanto entre os pequenos comerciantes como entre os internautas.