Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

O PSOE acusa o PP de buscar a abstención dos cidadáns

O vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, anima os votantes a acudiren en masa ás urnas.

Redacción - 09:00 04/02/2009

"Tampouco na oposición cumpren o papel construtivo que deben ter", reprochoulles este martes o vicesecretario xeral dos socialistas galegos, Ricardo Varela, aos líderes do PPdeG. Varela avaliou que a oposición parlamentaria "non fixo unha soa proposta en catro anos en ningún ámbito". "E teñen tamén ben pouco que contar nesta campaña", censurou, criticando con belixerancia a "actitude" do PPdeG ás portas do 1M.

Na opinión de Varela, a estratexia dos populares pasaría por desmobilizar o electorado na idea de que gañarán vantaxe por esa vía. "Necesitan e desexan a abstención", agoirou o lugués, motivo polo cal animou os cidadáns a "darlles unha lección dicíndolles que a democracia se constrúe coa participación de todos". Doutra banda, Varela tamén denunciou o "apartheid lingüístico" que na súa opinión "trata de instalar" o PP en Galiza, actitude que contrapuxo coa "vocación maioritaria" dos cidadáns galegos "de utilizar a lingua como un nexo de unión e de progreso".

Barcón defende a estratexia económica dos socialistas
"Touriño e os socialistas comprometémonos a potenciar a contratación de 20 mil traballadores ao ano mediante incentivos ás empresas de menor tamaño así como a manter un bo ritmo de licitación de obra pública como unha ferramenta máis que contribuirá a fortalecer o emprego", explicou a secretaria de Organización do PSdeG, Mar Barcón, durante a súa intervención no ciclo “Galiza no debate”, organizado polo Instituto de Estudos Políticos e Sociais.

Explicou Barcón que para que estas "decisivas medidas" poidan chegar a bo porto, Galiza "debe mirar adiante e non volver ao pasado como pretenden outros". Así, e na liña do seu compañeiro de partido, chamou á participación nos comicios, subliñando a importancia de combater o abstencionismo. De paso, e na defensa do cambio en Galiza os últimos anos, analizou que durante o goberno de Fraga, "foron moitos os concellos galegos, entre eles o da Coruña, que tiveron que asumir en solitario, ante o abandono ao que estiveron sometidos por parte do PP, elevados investimentos para poder aplicar políticas sociais de fomento da igualdade de oportunidades". Asegurou Barcón que esa actitude rematou coa chegada do novo goberno.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: