Mar Barcón oficializa a súa saída do goberno municipal coruñés.
A secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, asegurou este luns que o seu partido acata a resolución da Xunta Electoral Central (XEC) que obrigará os emigrantes a achegar fotocopia do DI ou do pasaporte para emitir o seu voto nas eleccións galegas e vascas do 1 de marzo e engadiu que, co escrito que presentou cuestionando aquela decisión, o PSOE só pretendía "aclarar" a nova situación creada.
Logo de publicarse a instrución da Xunta Electoral reforzando os requisitos identificativos para os emigrantes que voten por correo nas futuras eleccións, o PSOE presentou un escrito que, se ben non era formalmente un recurso, cuestionaba os fundamentos do organismo arbitral. Entendían os socialistas que a XEC modificaba "aparentemente" as condicións do exercicio de voto dos residentes no exterior cunha esixencia identificativa que "non está recollida na Lei Electoral". Unha decisión que, segundo o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, "restrinxe o dereito a votar non duns poucos emigrantes, senón de miles de persoas". Din os socialistas que a XEC "non só non clarifica se os votos sen carné seguirán sendo válidos, senón que introduce máis confusión".
Agora, e segundo explicou Pajín, o PSOE parece desbotar a idea de recorrer a instrución da XEC ante o Tribunal Supremo pero deixa para máis adiante a posibilidade de solicitar a impugnación dos votos de emigrantes que poidan anularse no reconto por non achegar os documentos identificativos requiridos.
Mar Barcón fai oficial a súa renuncia como concelleira
A secretaria de Organización do PSdeG e cabeza de lista deste partido pola provincia de A Coruña, Mar Barcón, fixo este luns oficial a súa renuncia como concelleira no Concello d'A Coruña. O pleno da Corporación municipal tomou así coñecemento desta renuncia co que se declara vacante a súa praza como concelleira, que cubrirá Eudosia María 'Yoya' Neira Fernández.
O pleno tomou coñecemento deste acordo en ausencia da propia Mar Barcón, até o de agora responsábel da área de Infraestruturas no Concello. Agora, a Xunta Electoral deberá expedir a credencial acreditativa da condición de electa a Eudosia María Neira. Esta renuncia parte da esixencia de exclusividade por parte do presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, tras ser nomeada para a secretaría de Organización do PSdeG no décimoprimeiro congreso do partido. Agora, a socialista queda libre das súas responsabilidades municipais para entregarse ás eleccións galegas do 1 de marzo.