Co gallo da celebración do Día internacional das zonas húmidas que vai ter lugar o vindeiro día dous de febreiro Verdegaia quere denunciar a vulnerabilidade que padecen as zonas húmidas galegas que, pese a ser ecosistemas dunha elevada riqueza natural e cultural, vense afectadas de xeito periódico por unha chea de agresións de diferente índole e intensidade.
A riqueza en zonas húmidas que posúe o territorio galego é enorme ó albergar tan só na costa arredor de 150 a parte doutras moitas que aparecen amplamente espalladas polas comarcas da Galicia interior. Entre os valores que podemos topar neste tipo de ecosistemas salientan unha moi valiosa e variada biodiversidade, moitas veces única e específica, amais de teren un papel crucial na cultura galega, tanto nas tradicións populares vencelladas a elas como nos numerosos vestixios etnográficos e patrimoniais que se poden atopar nestas zonas.
Desgraciadamente, e como vimos denunciando en repetidas ocasións dende Verdegaia ante as diferentes administracións, as zonas húmidas padecen unha chea de agresións que reducen a súa riqueza ambiental e cultural. Claros exemplos disto pódense constatar na zona húmida das Cabazas no Concello de Ferrol, nas Ribeiras do Louro (Val da Louriña), na comarca ourensá da Limia, ou na Xunqueira do Lagares no Concello de Vigo, entre outras. Todas elas zonas húmidas de elevado valor e ó mesmo tempo agredidas impunemente pese ás denuncias e solicitudes presentadas por Verdegaia.
A zona húmida das Cabazas no Concello de Ferrol pese a contar con Hábitats de Interese Prioritario segundo a Directiva 43/92/CEE, Directiva Hábitats, sufriu un proceso de concentración parcelaria coa conseguinte apertura de pistas, realización de talas de vexetación de ribeira, substitución de ecosistemas de elevado valor ambiental e catalogados como se citou anteriormente por monocultivos forestais, verquido de entullos,...
As Ribeiras do Louro, o espazo natural protexido con maiores agresións da xeografía galega, que día tras día padece a desidia das diferentes administracións que non son quen nin de pór a funcionar a E.D.A.R. de Guillarei, construída xa vai facer tres anos e que se está a estragar por non recibir augas que depurar. Esta zona tamén sofre a alteración de hábitats húmidos de especies con escasas e vulnerables poboacións en Galicia como a desecación este pasado verán da barreira do Cerquido; por non falar de centro de interpretación que, situado neste espazo natural, custou 470.000 euros e nunca se chegou a inaugurar ou do trazado do AVE Vigo-Porto que vai alterar aínda máis o espazo natural.
A comarca da Limia tristemente tamén padece agresións nas zonas húmidas que alberga, a última detectada foi a incipiente invasión do fento acuático invasor Azolla filiculoides que provinte de Norte América está a eutrofizar o río Limia e a parte final da canle de desecación da Lagoa de Antela. Ademais, nesta bisbarra tamén topamos vertedoiros de entullos no borde dalgunhas das areeiras de Vilar de Santos, pese a ser esta unha das zonas propostas para formar parte da futura Z.E.P.A. “A Limia”. Nestas areeiras, ultimamente tamén se ten detectado un aumento das poboacións de visón americano que están a acabar con colonias de aves nidificantes entre espadanas e xuncos como a galiñola de río, entre outras.
O caso da viguesa Xunqueira do Lagares xa é penoso: verquidos moi contaminantes que se repiten de xeito periódico; o último, e desgraciadamente non derradeiro, o rexistrado en setembro de 2008 que acabou coa vida do río Lagares no seu treito baixo chegando a aniquilar todos os seres vivos acuáticos do leito do río; a futura ampliación da E.D.A.R. de Vigo que se vai levar por diante o amial da Carrasqueira, outro Hábitat de Interese Prioritario segundo a Directiva 43/92/CEE,...
Estes son algúns dos exemplos que se poden pór nun día que non ten moito de celebración, desgraciadamente.