A Comisión Europea e o Banco Mundial elaboraron un mapa global de accesibilidade, que amosa o tempo de conexión entre as diferentes cidades.
A xeografía e a economía xuntas nesta nova aplicación que deseñaron a Comisión Europea e o Banco Mundial. Trátase do mapa global de accesibilidade, unha ferramenta que amosa, entre outros factores, o tempo de conexión entre as diferentes cidades do mundo. Así, permítenos tirar conclusións como que só o 10% da superficie está a máis de 48 horas de viaxe dunha gran cidade. É máis, un dos puntos máis illados do planeta é Grenlandia, dende onde fan falta máis de dez días para chegar a unha cidade de máis de 50 mil habitantes.
Con este mapa, que foi elaborado para o informe de desenvolvemento de 2009 do Banco Mundial, tamén se pode concluír que o 95% da poboación de todo o mundo vive en tan só o 10% da superficie da Terra; ou que a medida que medra o nivel económico, a produción concéntrase máis no espazo; ou que as cidades e as zonas costeiras son os puntos onde se rexistra maior concentración dos axentes de produción. A web permite ademais baixar o mapa e calcular o tempo que se precisaría para viaxar dun a outro lugar do mundo.