"Hoxe refúndase unha nova Bolivia con igualdade de oportunidades", subliña o presidente Evo Morales.
As primeiras proxeccións estatísticas coñecidas en Bolivia logo de pechárense as urnas falaban dun 60% de electores a prol da Constitución e un 40% en favor do "Non". Con todo, cifras posteriores indicaban unha marxe máis estreita entre as dúas opcións. Segundo as diversas áreas do país, o "Si" tería gañado amplamente en La Paz, Cochabamba, Oruro e Potosí, zonas onde o apoio ao presidente Morales é maior, e pola contra o "Non" á nova carta magna tería sido maioritario nas rexións de Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija. Os resultados definitivos non se coñeceran con probabilidade até o cabo da semana.
"O sector máis humillado e marxinado é agora recoñecido", defendía o presidente boliviano, Evo Morales, ao publicárense as primeiras enquisas a pé de urna, "hoxe refúndase unha nova Bolivia con igualdade de oportunidades para todos". Ao tempo, un dos primeiros en reivindicar o triunfo do "Non" era o prefecto da rexión de Santa Cruz, Rubén Costas, quen acusou outra vez o goberno de impulsar un proxecto "totalitario" e chamou a "un gran pacto nacional" para revisar o texto constitucional.
Última hora na prensa local: