O equipo situado no Cesga fixo o traballo eficientemente grazas ao software desenvolvido por investigadores das universidades de Vigo e de Extremadura.
A capacidade do supercomputador FinisTerrae, situado no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) está a dar os seus froitos. Para comezar o ano 2009, xa bateu unha marca: resolveu 500 millóns de incógnitas nunha simulación electromagnética. A anterior fora de 150 millóns. O traballo efectuárono os membros do grupo Hemcuve, formado por investigadores das universidades de Vigo e de Extremadura.
Os cálculos efectuados permitirán analizar e predicir o comportamento electromagnético de estruturas de grandes dimensións eléctricas. Entre as súas aplicacións están os radares de automoción que se están a introducir nos vehículos máis avanzados, o deseño de grandes estruturas dotadas de sistemas de radio (como barcos ou avións) de xeito global, sen necesidade de estudar cada caso individualmente, a biomedicina, o deseño de materiais especiais ou a creación de radares de penetración no subsolo, para detectar minas antipersoa ou estruturas xeolóxicas.
Non só foi importante a velocidade de cálculo do computador, senón tamén o emprego de algoritmos eficientes. Empregouse a aplicación Hemcuve++, que permitiu aproveitar o potencial de múltiples procesadores cos que contan os supercomputadores para evitar ter que facer un uso excesivo de memoria de almacenamento.
Usáronse 64 nodos completos do FinisTerrae, o que supuxo 1.024 núcleos, aproximadamente o 42% da capacidade do supercomputador, e o traballo levou 12 horas de cálculos iniciais, e outras 26 de resolución. A memora RAM usada foi de arredor de 6 terabytes. No éxito do resultado tivo moito que ver a colaboración entre os investigadores e os técnicos do Cesga.
O equipo está composto por Fernando Obelleiro e Xosé Luís Rodríguez, da Universidade de Vigo, e Luis Landesa e José Manuel Taboada, da de Extremadura.