O concello, que forma parte da Grande Área Metropolitana do Porto, concentrará as actividades nos meses de xuño, xullo e agosto.
Logo da capitalidade de Gaia
A cidade de Gaia converteuse na primeira Capital Cultural do Eixo Atlántico, unha distinción bianual á que aspiraba tamén nun principio Vilagarcía de Arousa mais á que finalmente renunciou por falla de orzamento.
O Concello de Vila Nova de Gaia pretende concentrar todas as súas actividades culturais en xuño, xullo e agosto na zona da Serra do Pilar (Patrimonio da Humanidade) e no Centro Histórico. Pretenden deste xeito aproveitar os meses de vacacións e aumentar a oferta de animación na Grande Área Metropolitana do Porto.
Os alcaldes ou representantes dos municipios que conforman o Eixo Atlántico, 17 portugueses e outros tantos galegos, achegaranse á cidade durante as festas do San Xoán para coñecer a mostra "Expo-Cidades do Eixo Atlântico", que contará con 34 pavillóns, un por concello, e un outro dedicado ao ao país convidado da Capital da Cultura.
Esta exposición será o principal centro neurálxico do conxunto de actividades, centradas na divulgación da diversidade cultural, turística, gastronómica e etnográfica de cada cidade. A programación xa está a ser elaborada formalmente. Milladoiro e Mafalda Arnauth participarán no concerto inaugural.
Música, obradoiros, letras, ...
Haberá tamén unha Festa da Música, con varios estilos, da clásica ao jazz; un Festival do Mundo Celta, que ademais de contar con actuacións musicais terá obradoiros, exposicións, unha feira do libro e do disco e unha conferencia sobre música e tradicións celtas; e na área das artes plásticas, está garantido un simposio de escultura.
Paralelamente, os eventos xa tradicionais en Gaia estarán este ano debidamente adaptados á Capital da Cultura, de modo que terán un cariz máis amplo e mirando cara a Galiza. É o caso das marchas populares de S. João, Portugal Fashion, Festival do Vinho do Porto, Red Bull Air Race e Festival Internacional de Música de Gaia.
Ademais, segundo informa a axencia Lusa, no ano en que o concello celebra os seus 175 anos e o 200º aniversario das Invasões Francesas, tamén as conmemoracións preparadas para estas efemérides terán un trazo galego.