A súa empresa con sede en Cerceda, gañou un premio polo deseño funcional e anovador do bambán máis grande do mundo: Prometeo.
Prometeo é "unha peza industrial, unha estrutura que ten moito de deseño e moito de enxeñaría, xa que os seus elementos mecánicos permítenlle garantir a tensión que fai o efecto de bambán; os seus postes levitan, mais suxeitando os tensionados cables de aceiro", así o define José Manuel Iglesias, director xeral da empresa Galopín, que grazas a este xogo de madeira e aceiro inoxidábel, gañou o primeiro premio do Concurso de Ideas do Foro da Madeira.
As súas enormes dimensións -mide 20 metros- permiten que monten nel un medio cento de persoas, grandes e nenos, porque os máis miúdos poden pendurarse dos tensores perto do punto onde estes converxen: "é un balancín que introduce un concepto anovador, porque permite que suban nel distintos tipos de usuarios, novos e vellos", contoulle a Vieiros José Manuel Iglesias. O nome venlle do mito grego de Prometeo, "quen nos deu aos homes a liberdade, o raciocinio, a matemática, pero tamén a sensibilidade da arte; é un xogo de enxeñaría, pero imponse no espazo sen dominalo".
Prometeo é froito dun traballo dun grupo de deseñadores e enxeñeiros -entre eles Antonio Maceiras, o pai dun todoterreo que supera en prestacións do famoso hummer norteamericano-, mais tamén de artistas, porque é unha peza que até estivo exposta no Marco de Vigo. E ademais, gústalles aos pequenos: "os usuarios descobren o uso que lle queren dar. Xa nun primeiro momento, ao observalo no espazo público, o ollo percibe a tensión dos cables movidos polo vento, e a persoa vai pensando como empregalo. Unha vez enriba, comeza o xogo para conseguir o movemento, vén o vertixe, parece que a peza vence co peso... dá moito xogo e resulta emocionante para quen o proba. Semella un veleiro, a emerxer da terra, xa que ten elementos náuticos coma o mastro e as cordas".
Pero Prometeo é só unha das pezas que deseñan e fabrican en Galopín, unha empresa, con sede en Cerceda (Comarca de Ordes) que está especializada nos parques infantís e nos circuítos saudábeis, "que son xogos que permiten complementar o exercicio que se pode facer nun espazo público, tamén accesíbeis para os cativos, e para a xente maior". Exportan os materiais que fabrican a todo o Estado, ao norte de África, a Francia, Italia, Portugal Croacia, algunhas áreas do Caribe e mesmo chegaron a Viña del Mar, en Chile, "un lugar que nos fixo especial ilusión, porque é o mçais afastado ao que chegamos, mais tamén están aí os incipientes mercados dos países do Leste, que facían parte da antiga Unión Soviética e que son moi interesantes".
"Cremos na sustentabilidade"
Na actualidade, ademais, o departamento de enxeñaría e deseño de Galopín está a traballar nun proxecto para incrementar a súa gama de xogos dirixidos a nenos e nenas con discapacidade. De feito, hai tempo que esta compañía desenvolve programas de zooterapia -terapia con cabalos e outros animais-, coa axuda de expertos, xa que, segundo Iglesias, "é fundamental para definirnos pensar na pedagoxía. As experiencias cos nenos inspiran o noso traballo".
Pero ademais do traballo cos nenos, esta empresa participa nas cabalgatas de reis, axúdalle a algún clube deportivo e reciben, de cada pouco, visitas de centros escolares, algo que, contou Iglesias, "prodúcenos retorno, vólvenos de volta a satisfacción persoal, aprendemos, e ademais danos o recoñecemento da sociedade".
Neste sentido, cando se lle pregunta se a súa empresa é consciente da importancia do que se deu en chamar Responsabilidade Social Corporativa (RSC), Iglesias sinala que "as etiquetas viñeron despois", xa que dende Galopín hai tempo que, sen pensar neste concepto, desenvolven programas de axuda aos países máis desfavorecidos e dedican grandes cantidades dos seus beneficios a integrar os seus espazos no medio, facendo unha posta pola recuperación da paisaxe, xa que, "xunto co público, entendémola coma un valor". Alén disto, esta empresa cercedense é pioneira na comarca en conciliar a vida laboral coa familiar "mais non é cuestión de márketing; as miñas colaboradoras son todas mulleres porque están preparadas e demostraron ser moi válidas; é unha pena que haxa tanto empresario parvo que as esquece. Ademais, procuramos marcar un horario -de mañá de 08:00 a 13:00 horas, cunha hora para xantar no comedor da empresa, e pola tarde de 14:00 a 17:00 horas- que nos permita gozar das nosas familias e tempo libre. Ademais, no verán ou polas tardes, os nenos achéganse até o recinto da empresa, xogar cos cabalos, e tamén as persoas maiores, mesmo veñen xantar con nós, e así non quedan sós na casa e gozan deste espazo, que foi coidado para que sexa amábel co visitante e co traballador. Para nós isto supón un valor patrimonial, social e ambiental importante: aquí cremos na sustentabilidade", conclúe Iglesias. sendo consciente do complicado que resulta, ás veces, debullar no maxín unha idea dunha empresa á maneira, o director xeral de Galopín convida a coñecer, de primeira man, como funcionan. "Se algunha vez vides por aquí, habédelo comprender".