Os nacionalistas solidarízanse co pobo palestino, e condenan os bombardeos e mais o bloqueo.
O BNG informou este luns do texto das mocións que está a presentar nos concellos do país, onde se solidariza co pobo palestino e cualifica o ataque de Israel como "crime de guerra". Considérao, ademais, "punto álxido do bloqueo de máis dun ano á poboación de Gaza", que "xa arrastra consigo máis de cinco mil palestinos mortos" dende setembro de 2000.
Con esta iniciativa, o BNG insta os concellos a "adoptar un acordo conxunto de catro puntos" que recolle "o rexeitamento dos bombardeos e a invasión levados a cabo polo Exército de Israel" e "a solidariedade e apoio á representación do pobo palestino en Galiza".
Ademais, solicita que "cada municipio remita o seu propio escrito de condena ao presidente e vicepresidente da Xunta, ao presidente do goberno español, ao Ministerio de Asuntos Exteriores e á embaixada de Israel,", no que se exixa "a suspensión das relacións diplomáticas e económicas co Estado hebreo até que non se poña fin á agresión militar, invasión e bloqueo".
Finalmente, demanda que o Estado inste "oficialmente" ao "cumprimento das reiteradas resolucións de Nacións Unidas relativas á retirada de Israel dos territorios ocupados", e propoña "o envío inmediato dunha misión de observación para garantir a fin do bloqueo e das hostilidades".