O deportista de Ordes xa está plenamente integrado na dinámica de traballo do Xacobeo Galicia e podería debutar o 7 de febreiro en Mallorca.
Raña no día da súa presentación co Xacobeo
Este luns o Xacobeo Galicia arrinca cara ao Baixo Miño a realizar unha concentración de 10 días na que afinarán a súa preparación de cara ao inminente comezo da tempada ciclista. Antes, Vieiros quixo conversar con Iván Raña sobre temas como a súa adaptación, os obxectivos, ou as motivacións que o levaron a cambiarse de disciplina agora que xa chama á porta dos 30 anos.
No mes pasado tiveches a oportunidade de convivir por primeira vez cos teus novos compañeiros, durante o Camiño de Santiago. Que sensacións che deixaron estes días?
En primeiro lugar quedei moi sorprendido polo bo ambiente que hai no equipo e paseino realmente ben. No referido ao deportivo foi duro, principalmente polo tempo co que nos atopamos. Pasamos tramos con neve e moito frío.
Como te ves con respecto aos teus compañeiros despois de participar xa en varios adestramentos colectivos?
Polo momento aínda non estamos forzando moito o ritmo. Agora mesmo vexo que o meu nivel é suficiente para estar cos compañeiros, pero non se pode saber con exactitude o que podo dar até que non vaiamos subindo o ritmo dos adestramentos.
Supoño que despois da concentración que ides realizar no Baixo Miño poderás calibrar con máis tino o teu estado, non é?
Si, na Guarda iremos máis rápido. Alí Pino tamén poderá ver como estamos, ca idea de facer o equipo que estará na primeira carreira do ano, o 7 de Febreiro en Mallorca.
Sábese que vas estar co equipo dende o comezo do ano, pero tes en mente cal será a carreira na que te vexamos por primeira vez ca camisola do Xacobeo?
Aínda non sei o meu calendario, pero é certo que hai moitas posibilidades de que participe na carreira de Mallorca. De tódolos xeitos se non comezo nesa carreira non tardarei moito en facelo porque o equipo quere que estea con eles dende o principio.
Que te levou a dar este xiro radical á túa actividade deportiva?
Os motivos son varios pero en primeiro lugar o que buscas é fuxir do xeito de competición do triatlón, suxeito moito a resultados e patrocinios. Motivábame esquecer todo o que tiña feito até o momento e entrar dende cero nun deporte novo. Ademais debo confesar que ser ciclista profesional é o meu soño dende que tiña 10 anos, entón cheguei á conclusión de que se non o facía agora non o ía facer nunca. A miña chegada ao ciclismo dáse nunhas circunstancias pouco usuais, pero poño ilusión para compensar o que me falta de experiencia.
Que carreira te ilusiona máis?
Sería moi fermoso estar no equipo que vai correr a volta, porque é a que pasa máis preto da casa. No caso de que se volva correr a volta a Galiza sería moi especial participar na carreira.
Aínda é algo cedo para pensar en obxectivos, mais que pensas agora mesmo que colmaría as túas aspiracións ao rematar a tempada?
En primeiro lugar poder estar nas carreiras cos bos. A nivel de resultados eu quero que cando remate o ano o equipo estea contento comigo, e poder axudar a xente como Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo Veloso ou calquera outro compañeiro que loite por estar arriba. A nivel de resultados si que notei unha mudanza importante con respecto ao triatlón, xa que aquí non todo se resume en gañar, senón que tamén é moi importante o apoio que reciben os líderes. Cada corredor ten o seu sitio e eu agora quero atopar o meu.