Trátase da primeira longametraxe de Román Gutiérrez, realizada por A Productora Morta.
O filme de Román Gutiérrez da Silva está protagonizado por Tzeitel Rodríguez, Xoque Carbajal, Bruno T. Ford, Anxo Tirado, Alberto Groove, Ana Puente e Margarita Sixto. Na historia, 15 anos despois do seu último encontro, un home atopa a súa antiga noiva, da súa época ionqui. Ela aparece cun maletín negro e un tiro nun brazo. A partir de aí desencadearanse unha serie de acontecementos dos que os personaxes non poderán fuxir e que enfrontarán ao home co seu pasado e presente. A película filmouse en Santiago, O Grove, Lalín, Monterroso e Caminha.
A estrea de Frío terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela e de xeito simultáneo nun bo feixe de concellos de todo o país, aproveitando a rede de cinemas dixitais. O trailer do filme pode verse en FlocosTV.