A Plataforma pola Conservación do Litoral de Bueu Anduxía presenta alegacións ante a Xunta e pide a retirada total do proxecto do polígono industrial do Morrazo.
O Proxecto Sectorial do Parque Empresarial e Industrial (PEIM) do Morrazo atópase actualmente en proceso de avaliación ambiental. Trátase da ampliación do actual parque empresarial situado en Castiñeiras, en Bueu, e que ocupará unha superficie de 673 mil metros cadrados neste concello e outros 724 mil no de Cangas. Asemade, a previsión é que integre os 129 mil metros cadrados da actual superficie empresarial. A Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe o proxecto, xa anunciou que reservou unha partida de 10 millóns de euros nos orzamentos de 2009 para o desenvolvemento desta actuación. O obxectivo é, segundo o departamento da Xunta, "dar resposta ás necesidades de solo empresarial desta zona, dando servizo a Bueu, Cangas, Marín e Moaña.
Afeccións na comarca
Con todo, as protestas contra o deseño desta zona industrial xa se están deixando oír. A Plataforma pola Conservación do Litoral de Bueu, Anduxía, xa presentou as súas alegacións perante Vivenda, alegando as "graves consecuencias ambientais" que este proxecto poderá ter tanto para Cangas como para Bueu. No documento detallan as afeccións que o polígono terá sobre a paisaxe, a hidroloxía, os recursos pesqueiros ou as redes de saneamento e pluviais.
Dunha banda, denuncian o "esaxerado" da extensión que ocupará, que chega até os 1,5 millóns de metros cadrados de monte, é dicir, unha superficie equivalente a máis de 150 campos de fútbol. Nesta liña falan do impacto na paisaxe, xa que se realizarán escavacións e explanacións, a destrución da cuberta vexetal, a creación de terrapléns... A isto súmanse as consecuencias na natureza, por mor da destrución e fragmentación dos hábitats naturais que implica un proxecto destas dimensións, así como a eliminación de masa forestal autóctona. No referente ao patrimonio, é destacábel a presenza de xacementos na zona que, previsibelmente, quedarán illados dentro do polígono industrial, co cal "a súa posta en valor e posíbel aproveitamento como atractivo turístico e social verase seriamente minimizado".
No eido económico, as alegacións de Anduxía falan de "gravísimas consecuencias" sobre o entorno mariño, por mor do "arrastre de lixiviados (dunha superficie equivalente a 150 campos de fútbol) polos ríos cara o mar". Así, temen que se "prexudiquen seriamente e durante anos os recursos pesqueiros, marisqueiros e mexilloeiros", así como que se debilite o turismo por mor da "degradación do medio costeiro e das praias". No referente ao emprego, entenden que "non hai ningún mecanismo que o garanta e é de supoñer que a maioría das empresas que se trasladen traerán os seus propios cadros de persoal".
O colectivo ecoloxista detalla ademais outros prexuízos para a comarca, como o "notábel volume de augas residuais que producirán estas infraestruturas", o que agravará os problemas xa existentes co saneamento en Cangas e Bueu. Asemade, falan da contaminación que creará o aumento de circulación de vehículos procedentes de Vigo para traballar no parque industrial, do aumento de consumo enerxético ou dos efectos que terá sobre a orografía do monte.