O presidente da Xunta valorou especialmente a toma en consideración por parte do goberno español da introdución da lingua como factor á hora do debate sobre financiamento.
"É un feito novidoso e de interese para as comunidades autónomas con lingua propia", expresou Emilio Pérez Touriño á saída da reunión co presidente do goberno español. Touriño expúxolle a José Luís Rodríguez Zapatero a posibilidade de que "por primeira vez o feito diferencial da lingua propia se recoñeza como elemento de custo diferencial significativo na prestación dos servizos públicos".
"Prestar os servizos públicos en galego é unha obriga derivada da Constitución e do Estatuto de autonomía", apuntou Touriño, recordando que se trata dun factor que nunca fora considerado até o de agora. Asegurou o presidente que Zapatero cualificou de "razoábel" a suxestión, malia non expresar ningún compromiso ao respecto. O proxecto pasará agora ao cartafol do Ministerio de Economía.