Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ampliación

A UE confía que 2009 sexa o ano da resolución ao conflito en Chipre

Agardan tamén que, a partir de marzo a máis tardar, Turquía dea pasos decisivos no cumprimento das condicións estabelecidas para o seu ingreso.

Redacción - 12:00 23/12/2008
O finés Ollie Rehn

O finés Ollie Rehn

O máximo responsábel da UE nos asuntos relacionados coa ampliación do bloque, o comisionado Ollie Rehn, manifestou a súa confianza en que o conflito en Chipre se solvente finalmente en 2009. Que Turquía pase a ser un novo membro depende en boa medida deste asunto.

En 2006, a UE decidiu suspender a negociación con Ankara sobre a súa adhesión debido ao incumprimento de diferentes puntos, como por exemplo impedirlles o uso dos portos e do espazo aéreo turcos aos barcos e avións chipriotas.

No entanto, Turquía mantén que tampouco os 27 avanzaron na súa relación coa república independente do norte de Chipre, logo de que os turco-chipriotas votasen a prol do plan de Nacións Unidas para a reunificación da illa, en 2004, xusto antes da entrada da parte sur na UE.

Os greco-chipriotas rexeitaron a proposta da ONU. Como consecuencia, o norte -só recoñecido por Turquía- ficou fóra. Uns e outros permanecen separados dende que o Exército turco invadira a illa en 1974 en resposta a un intento de anexión da mesma por parte de Grecia. As conversas, amparadas pola UE, retomáronse o pasado mes de setembro.

Ollie Rehn sinalou nunha entrevista concedida a axencia de noticias Reuters, que é esencial "reunificar a illa para que Chipre poida ser un estado membro normal, en paz, unido", e avanzou que o ano que entra podería ser o da resolución ao conflito.

Continúan as negociacións con Turquía

Ademais, este venres a UE deulle luz verde á negociación co goberno de Turquía en dúas novas áreas das 35 que exixe sexan introducidas na lexislación turca -en total ten dez abertas dende o inicio das xestións en 2005.

Segundo Rehn, as reformas máis importantes que debe afrontar o país, que se convertería no primeiro de maioría musulmá en entrar na Unión Europea, inclúen "modificacións" na súa Constitución, o "incremento da liberdade de expresión", e a "mellora nos dereitos relixiosos e lingüísticos".

"Canto antes mellor", afirmou o comisionado respecto a materialización destes trocos, "mais como moi tarde, Turquía debería retomar as reformas logo das eleccións de marzo (as locais, previstas para o día 29)".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: