A cifra de negocios caeu un 5,7% en Galiza, mentres que o persoal ocupado nesta actividade descendeu un 0,3%.
O comercio, o turismo, o transporte... Todos os negocios do sector servizos viron reducir as súas ventas e baixar o seu emprego no pasado mes de outubro, agás o das tecnoloxías da información. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a cifra de negocios caeu un 5,7% en relación co mes anterior, unha cifra máis baixa que a rexistrada no Estado Español, onde a facturación descendeu un 8,4%. Outra cuestión é a do emprego vencellado aos servizos, que baixou un 0,3% en Galiza e un 2,4% no conxunto do Estado.
O comercio foi o sector que rexistrou un maior descenso (cunha taxa interanual do -10,2%), seguido do turismo (-8,3%), transporte (-5,3%) e servizos a empresas (-4,1%). As actividades de vehículos e combustíbeis, así como as de selección e colocación de persoal foron as que máis reduciron as súas ventas, con taxas de -23,5% e de -21,8%. Pola contra, os servizos de investigación e seguridade foron os que máis incrementaron o seu volume de negocios, con taxas interanuais positivas do 11,1% e do 8% respectivamente.
Menos emprego
Neste sector servizos, rexistrouse un descenso interanual do 2,4%, no que é a súa cuarta caída consecutiva e a máis alta dende hai case seis anos. Neste caso, tamén todos os sectores, agás o de tecnoloxías da información, experimentaron caídas do emprego. O de servizos a empresas experimentou o descenso máis acusado, cunha taxa do -4%, seguido do turismo (-3,4%) e o comercio e transporte (ambos cun -1,8%). No da informática, o emprego rexistrou un repunte do 1,2%.