No acordo de PSdeG e BNG en 2005 aparecía o compromiso de gasto neste apartado dun 0,4% ao final de lexislatura. Catro anos despois, non pasa do 0,11%.
"Estamos no vagón de cola na loita contra a pobreza". Así o criticaron este venres desde a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, durante a presentación do informe sobre a cooperación galega na última lexislatura. En 2006 o gasto neste apartado quedou no 0,06%. En 2007 a cifra brincou a un 0,10. Nos orzamentos de 2008 fixouse unha previsión do 0,11%, similar á que aparece nos de 2009.
Este mesmo venres 19 cumpriuse un ano da sinatura do chamado Pacto de Estado Contra a Pobreza. Tal pacto foi daquela apoiado polas forzas políticas que sustentan a Xunta, un documento onde se estabelece a promesa de chegar ao 0,7% antes de 2012. Con todo, socialistas e nacionalistas xa levaran nos seus programas electorais en 2005 a idea respectiva de acadar o 0,56% e 0,5% respecto ao PIB á fin da lexislatura.
Compromisos que se viron posteriormente rebaixados no acordo de Goberno asinado o verán de 2005, onde se prevía que a cooperación ao desenvolvemento estivese no 0,4% cara á fin da lexislatura. Na práctica o primeiro Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009, que o Parlamento aprobou por unanimidade en abril de 2006, fíxase ese compromiso do 0,4 que, á luz das contas aprobadas esta mesma semana, non será acadado.