Os peiraos de Ferrol rematarán o ano co maior crecemento a nivel estatal. Mentres, o goberno español segue sen atender as promesas para os accesos ao porto exterior.
Caneliñas / Flickr: xoanporto
A publicación o pasado mes de outubro do proxecto de orzamentos xerais do Estado asinaba un novo incumprimento para Ferrolterra nunha infraestrutura clave para a bisbarra. O goberno español renunciaba no borrador das contas a garantir que o peirao exterior teña garantidos a curto prazo os accesos necesarios.
De costas ao consenso das formacións políticas comarcais e á propia insistencia dos axentes socioeconómicos da comarca, as contas de 2009 esquecían unha vez máis a reclamación de accesos ferroviarios para o peirao de Caneliñas. Con todo, mesmo enfronte e na veciña Coruña, Punta Langosteira si vía orzamentado un total de 129 millóns de euros para o megaproxecto herculino. Finalmente, os socialistas introducirían unha emenda onde se fixa un millón de euros para o financiamento dun estudo técnico sobre a viabilidade do acceso do tren.
A desatención contrasta coas cifras coas que pecha o ano a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. En tempo de crise e con outras áreas portuarias perdendo volume de negocio, o de Ferrolterra vai rematar o ano á cabeza do incremento dos tráficos portuarios a nivel estatal. Na altura de novembro, as cifras proporcionadas pola Autoridade Portuaria sinalaban o paso polo peirao de máis de 12 millóns de toneladas. A tendencia apunta a récord histórico e con probabilidade o incremento quedará por riba do 20% respecto aos números de 2007.
O PP acusa a Xunta de non presionar en Madrid
Nas críticas pola situación dos accesos insistía o PP ferrolán esta mesma semana. Os populares insisten en que a Xunta esixa do Ministerio de Fomento que se poñan datas concretas e claras, alén de fixar orzamentos, para saber cando se iniciará a tramitación da conexión ferroviaria do porto exterior. "De pouco serve que se introduzan partidas económicas nos orzamentos do Estado se despois non se executan", criticaba o deputado ferrolán Arsenio Fernández de Mesa esta semana, laiándose de que "Fomento non toma en serio este proxecto".
As queixas dos populares inclúen tamén a longa espera polos accesos por estrada. A apertura desa vía foi sucesivamente adiada en 2008 despois de térense marcado diversas datas para a inauguración. A última promesa fixaba para antes de final de ano a apertura íntegra da estrada, pero a evolución dos traballos indica que é improbábel apenas a dúas semanas de cruzar a barreira cara a 2009. Critican desde o PP que "Touriño non parece ter capacidade de facer presión para a obra non se demore".