A CIG denuncia que algunhas axencias pesqueiras ofrecen á flota galega traballadores estranxeiros a salarios ilegais e en condicións infrahumanas.
295 euros de salario e tres dólares por tonelada de pesca. Este é o salario baixo o que as axencias pesqueiras denunciadas ofrecerían mariñeiros indonesios á flota galega. Así o denuncia a Confederación Intersindical Galega (CIG), que pon nome e apelidos ás empresas denunciadas: son Spain Total Quality e Shipping Oriental Services (Shicopesca), situadas respectivamente en Vigo e Xove (Lugo). O secretario nacional de CIG-Mar, Xabier Aboi, denuncia situacións que rozan a escravitude e que poderían estar a afectar a preto de dous mil empregados en Galiza baixo diversas bandeiras.
O sindicato presentou unha denuncia perante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social e acompañouna de diversos documentos que conteñen ofertas xenéricas para cubrir postos de traballo nas embarcacións pesqueiras. Dunha banda, os papeis demostran como os custes salariais polos que Shipping Oriental Services ofrece traballadores son 295 euros por mariñeiro, 400 por engraxadores e cociñeiros e 1.300 para maquinistas. Doutra banda reflicten datos como que Total Quality estabelece diferentes táboas salariais en función da procedencia dos profesionais, de xeito que un mariñeiro ruso cobraría máis do dobre dun indonesio por realizar traballos idénticos.
Aboi cualificou esta situación como "comercio de carne humana" xa que os salarios non chegan ao mínimo interprofesional, son diferentes en relación coa nacionalidade e carecen doutros dereitos como o seguro de accidentes, que non consta en ningún dos documentos. Ademais, tamén habería unha fraude á Seguridade Social e a Facenda, xa que estas entidades estaríanse a quedar con 300 euros de cada mariñeiro indonesio.
Armadoras galegas implicadas
A CIG-Mar tamén denuncia outras axencias pesqueiras galegas e centra as súas críticas en Crewnova, con sede en Vigo. Segundo asegura Xabier Aboi, esta empresa "concentra o 80% do tráfico de mariñeiros indonesios en Galiza", negocio co que no último ano acadou un incremento dos seus beneficios nun 300% (pasou de 600 mil euros de ganancias a 1,7 millóns de euros).
Doutra banda, o sindicato tamén dirixiu as súas críticas contra as casas armadoras. En concreto referiuse ás empresas Nautae Burela SL e Servixestión Burela SL, segundo Xabier Aboi "creadas dende a patronal de Armadores de Burela para repartirse o mercado de intermediación de traballadores indonesios para traballo marítimo". Asemade, segundo a versión da CIG, estas entidades terían pisos "en estado lamentábel" para aloxar aos mariñeiros indonesios durante a súa estancia laboral en Galiza", en concreto en Burela e San Cibrao.
Finalmente, pediron a reacción inmediata das administracións, tanto do Estado Español como do goberno galego. O Secretario Nacional de CIG-Mar foi especialmente crítico coa Consellería de Traballo, á que culpou de estar máis preocupada en gañar as eleccións; coa Inspección de Traballo, á que acusou de "vexetar"; e coa Consellaría de Pesca, da que dixo que está "desaparecida".