O presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte recibiu con ledicia a declaración dos Penedos de Pasarela e Trabas como paisaxe protexida.
Capa do calendario que presenta o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte para 2009, con imaxes dos penedos
Dende o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte levan anos loitando pola posta en valor dos Penedos de Pasarela e Traba, situados entre os concellos de Vimianzo e Laxe, na Costa da Morte. Segundo lle contou a Vieiros o seu presidente, o académico Xosé María Lema, "non fomos os únicos, pero si dos que máis tempo levamos tentando que o Goberno declare esta zona paisaxe protexida".
Esta quinta feira por fin o conseguiron. O Consello da Xunta aprobaba a declaración de paisaxe protexida dos Penedos, o que "vai permitir amparar a súa singularidade estética e os seus valores naturais e científicos", din nun seu comunicado, que lle lemos, en parte, a Lema, confirmándolle a noticia. "É un gran triunfo", declarou o profesor, "sobre todo sabendo como se opoñía a esta declaración o propio alcalde de Vimianzo, que quería poñer na zona unha canteira. Dádesme unha gran alegría!".
As mobilizacións contra a proliferación de canteiras
As canteiras eran a principal ameaza dunha zona granítica descrita como "monumento xeolóxico único". No ano 1998 unha empresa, con licenza para facer unha prospección, terminara por estragar unha parte importante da zona. A ferida quedou na pena marcada, mais dende aquela os veciños e varias asociacións culturais e ecoloxistas -entre ela o Seminario que preside Lema-, comezaron as súas mobilizacións para conseguir a preservación da zona. No ano 2006 xuntaron varios veciños e ao escritor Manuel Rivas lendo un comunicado baixo os Penedos, "o que serviu para que Medio Ambiente nos tivese en conta", lembrou Xosé María Lema.
"Tamén visitamos a Bieito Reza, o director xeral de Conservación da Natureza, acompañados do catedrático de Xeoloxía da UdC Xosé Ramón Vidal Romaní, para facerlle saber que se trataba dun paraxe único". Este traballo de anos viuse recompensado este semana, mais agora aínda fican detalles por arranxar. Para Lema, agora "agardamos que a Xunta destine un bo investimento para protexer o lugar, que sinalen rutas para percorrer a zona e ollar os penedos, e que se aproveiten todos os recursos de cara ao turismo. Antes diso habería que facer unha boa limpeza do monte, destacando a ruta que faga visíbeis as rochas".
Unhas penas con estrañas formas
O macizo da Pasarela e Traba está formado por un conxunto de elevacións graníticas esparexidas por unha superficie de 212 hectáreas, que se combinan e encadean xerando un espazo singular; unha paisaxe que ten tamén un enorme valor científico -xa que permite coñecer cal foi a evolución xeolóxica da zona-, mais tamén un importante valor cultural, do que son sabedores os veciños. "Ao comezo só se opoñían á apertura da canteira os máis novos; os vellos pensaban que había traer traballo, e foran convencidos polos cartos dos que lles falaran os empresarios, que viñeran polas aldeas ofrecerlles 'o doce'; mais despois da cousa mudou, viron que o que lles propoñían non tiña nin pés nin cabeza e pensaron en que tamén sería bo o aproveitamento turístico dos Penedos", lembrou Lema.
"Todas as penas teñen unha forma característica; hai unha que semella un coello, outra un pallaso, unha terceira unha nave espacial, hai unha dama re-peiteada e hai quen di que unha se parece ao ex presidente do Goberno, Manuel Fraga... cadaquén ve a forma que lle parece", describiu Lema. Mais a zona tamén se relaciona con certas lendas e historias antigas; segundo Xosé María Lema, poderían ligarse ás historias das Aras Sestianas -fitos de carácter simbólico construídos no culto ao emperador Augusto no noroeste de Hispania-, "mais isto non está probado; ou tamén se poderían relacionar con outras lendas que tamén corresponden ao Monte Pindo, xa que os granitos que se atopan en ámbalas dúas zonas son parecidos e característicos, cunha certa cor rosada, parecidos ao granito do Porriño".
Un paso máis cara o recoñecemento dos movementos megalíticos da Costa da Morte
"Esta nova éncheme de ledicia, sobre todo porque pode poñer os alicerces do recoñecemento dos monumentos megalíticos da Costa da Morte. Hai tempo que perseguimos que Cultura poña en valor, non só o dolmen de Dombate, senón tamén o de Pedra Cuberta ou o da Arca da Piosa... Non é cuestión de que Dombate eclipse o resto do patrimonio; é preciso facer unha ruta completa que recolla todos os xacementos e monumentos megalíticos da comarca. A declaración de paisaxe protexida para os Penedos pode marcar un antes e un despois; e satisfáceme moito ter colaborado na reivindicación da súa posta en valor", concluíu Xosé María Lema.
Para conmemorar esta declaración, que sabían que andaba perto, dende o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte elaboraron un calendario (poden baixalo aquí en .pdf, ou mercalo nas librarías da Costa da Morte) para o ano 2009 que recolle imaxes dos penedos, así como textos de diferentes autores galegos que lle dedicaron unhas verbas á zona. Dos Penedos Manuel Rivas dixo: "Penedos enormes con rostro humanoide. Con forma de animais. Con caprichos surreais. O Henry Moore ficaría sen fala e o Chillida seguramente se dedicaría a outra cousa".
Tamén se recollen as frases célebres do alcalde de Vimianzo -do tipo "as pedras son pedras" ou "as pedras non se comen"-, Alexandre Rodríguez, quen se opuxo, en todo momento, a esta declaración.
Do bardo o corazón cual verdexante
val é, cando tormenta non o acaba;
mais dispois que sofrío é semellante
aos penedos hórridos que Traba
e Pasarela cercan, qu'o pasante,
cual feos restos de fervente lava,
admira, e que embozados en nebrina
mostran a súa grandísima ruína.
Eduardo Pondal, Os Eoas, 1881-1917