"Máis do mesmo", é a avaliación que socialistas e nacionalistas fan das contas dun Baltar que di non ter recursos para xestionar o fondo municipal.
Un de cada tres euros do que gasta a Deputación de Ourense van asignados para o salario do numeroso persoal do ente provincial. Unha situación longamente denunciada e que, segundo critica Alfredo García, voceiro do PSOE na institución, "no canto de resolverse aumenta cada ano". "Algo que non acontece en ningunha das outras tres, nin sequera na de Pontevedra", ou cando menos non na dimensión da deputación ourensá, láiase García.
De feito, sumado o gasto corrente, ao gabinete público controlado polo PPdeG quédalle este ano apenas un 30% para gasto en investimentos reais. Uns números que en opinión de Xosé Manuel Fírvida, voceiro do BNG na deputación, afondan nuns obxectivos de gasto "claramente partidistas, aos que o PPdeG xa ten acostumados os veciños". No mesmo sentido, o portavoz socialista quéixase de que non haxa cambios no relativo a "gastos superfluos" e de que continúe a estratexia de "privilexios e subvencións indiscriminadas para concellos afíns". Ao fío, García acusou recentemente o PP de chegar ao estremo de negarlle o equipo da deputación aos concellos socialistas afectados pola nevarada e envialos só a concellos de goberno popular.
Paradoxalmente, e malia este escenario, o presidente da institución, Xosé Luís Baltar, asegura que o organismo que preside non dispón de persoal e recursos para garantir a xestión dos proxectos técnicos que aproveitarían o fondo municipal recentemente estabelecido polo goberno español. Ao respecto, ironiza Miguel Fidalgo, senador ourensán do PSOE, sobre a incapacidade dun ente que "ten cartos para contratar amigos, curmás e familiares diversos do PP pero non para traballar en proxectos que lle beneficiarían a todos os veciños". Para Fidalgo é exemplificante a teima de Baltar en descualificar o fondo que achegará "até 60 millóns de euros" para os concellos ourensáns, ao tempo que rexeita axudarlles a tramitar as axudas. "Está ferido porque os cartos non pasan polas súas mans para repartilos entre concellos amigos", acusa o senador.
Considera Fidalgo que, de ser certa esa insuficiencia para atender os proxectos municipais, sería "lamentábel que non exista un cadro técnico abondo e variado" para canalizar uns investimentos que supoñen a axuda extra de 60 millóns de euros para os concellos. E aínda nese estremo, critica Alfredo García que Baltar non estea disposto a mover cartos doutras partidas para garantir a execución dos proxectos que aceleren a aplicación dos fondos nun contexto onde os municipios sofren de minguados orzamentos.
Caos, desbaldimento e débeda "insostíbel"
Na opinión dos representantes da oposición provincial a gravidade da situación das contas deputacionais sería maior de non ser polas inxeccións económicas chegadas doutras administracións. Coinciden en citar como exemplo os 10 millóns de euros que a institución moverá en proxectos vencellados ao Fondo Social Europeo. "Ese é o aumento real do investimento do que presumen", sinala Alfredo García, sinalando que no momento en que eses cartos públicos extra desaparezan, será evidente a amplitude do ermo económico do ente provincial.
"Deberían existir obxectivos ambiciosos e un plan plurianual para modificar estas inercias", recomenda o nacionalista Xosé Manuel Fírvida. "Só así se podería garantir un cambio das estruturas", afirma o voceiro do Bloque, advertindo que doutro xeito a deputación liderada por Baltar manterase como "unha administración intermedia ineficaz e obstaculizadora: consume recursos inxentes e non xera riqueza para Ourense". "Con este panorama non axudan nada no traballo de darlle á provincia o estímulo que necesita", sinala Fírvida. Na mesma liña, o socialista Alfredo García agoira que se o equipo do PPdeG segue afondando no endebedamento do organismo provincial, outros 3,1 millóns para a saca da débeda para este exercicio, "vai rematar sendo imposíbel reflotar a institución".
Á espera das cifras polo miúdo
O propio Baltar referiuse ironicamente no pasado ás acusacións de socialistas e nacionalistas, definindo como "fabas contadas" o investimento real fixado nos orzamentos da institución que preside. Uns cartos que en 2006 eran apenas un de cada dez euros, que ao ano seguinte se incrementaron nun 80% e que este ano pasan de 12 a 25 millóns. O orzamento total fixado para 2009 son 86 millóns de euros.
En todo caso, só tres de cada dez euros de investimento, e saídos, como insisten PSdeG e BNG, da billa da Unión Europea. O que si sobe significativamente cada ano é o apartado de salarios da extensa rede de funcionariado da Deputación de Ourense. Os gastos de persoal, que brincaran xa o ano pasado un 8% máis, volven incrementarse un 5% nesta ocasión.