Fraga avoga por mudar os puntos relacionados coas autonomías, e Beiras por dar o paso "dunha vez" cara o republicanismo. Causa Galiza convoca unha manifestación na súa contra.
Ao mediodía deste sábado 6 de decembro comezarán en Madrid os actos oficiais de conmemoración dos 30 anos da Constitución española. Celebraranse no Congreso dos Deputados, presididos polos reis españois e o xefe do executivo estatal, ademais do xefe da oposición, o galego Mariano Rajoy (PP).
Ao aniversario do texto tamén asistirán cinco presidentes autonómicos, entre os que non se atopa este ano o presidente do Goberno Galego, Emilio Pérez Touriño. Como vén sendo habitual, tampouco estarán os líderes dos partidos nacionalistas do Estado, coma o BNG, o PNV ou Esquerra Republicana.
Reclamación de reforma
As declaracións anuais sobre este aniversario non se fixeron agardar e, como cada ano, Manuel Fraga, un dos pais da Constitución, opinou ante os micrófonos da Radio Galega. O político vilalbés sinalou que, neste momento, é preciso manter o espírito co que naceu o texto, mais que tamén cómpre revisar algúns fragmentos, "como por exemplo o capítulo das autonomías, sobre todo agora que aconteceu isto en Euskadi, e que o Constitucional lle botou abaixo o seu plan a Ibarretxe".
Tamén se pronunciou o catedrático, ensaísta e político Xosé Manuel Beiras, quen avogou fondamente pola reforma da Constitución española, aínda que se amosou pesimista sobre a posibilidade de que se aborden estas mudanzas. Porén, para Beiras deberíase crear un sistema bicameral, que reflicta a realidade pluranacional que existe no Estado Español; modificar o texto polos tratados aprobados, de facto, na Unión Europea; e "finalmente, está pendente que a sociedade española dea o paso ao republicanismo dunha vez", sinalou.
En Compostela, contra a Constitución e pola autodeterminación
Este sábado a plataforma soberanista Causa Galiza chama ás persoas, organización e grupos políticos da esquerda a mobilizarse en Compostela demandando a autodeterminación para o pobo galego e o rexeitamento da Constitución española. A marcha partirá ás 13:30 horas da Praza do Toural.