O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, defendeuque os profesionais da informática e os xornalistas están chamados a colaborar na formación e especialización en relación ás tecnoloxías da información e da comunicación.
Un punto de partida para dotar de carácter permanente a colaboración entre informáticos e xornalistas. Así opinou o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, durante a xornada O Impacto das TIC no Exercicio do Xornalismo, que tivo lugar este xoves en Santiago. Na súa intervención, defendeu a idea de que os profesionais da informática e os xornalistas están chamados a colaborar na formación e especialización en relación ás tecnoloxías da información e da comunicación.
Por outra parte, Suárez Lorenzo explicoulles aos presentes o porqué das masivas manifestacións que recentemente percorreron as rúas de varias cidades, sinalando que "a falla de regulación da profesión" é a maior eiva do sector, posto que se trata da única enxeñaría que non ten atribucións profesionais por lei, "o que deriva tanto no intrusismo profesional como na falla de garantías para a sociedade", laiouse. "É aquí onde tamén compartimos frontes común os enxeñeiros en Informática e os xornalistas: somos profesións cunha necesidade de regulación e garantía de calidade, engadiu.
Os asistentes ao encontro tiveron a oportunidade de coñecer as últimas novidades e debates en materia de ciberperiodismo da man de relatores especializados e de recoñecido prestixio: o xornalista e profesor universitario Jesús Miguel Flores Vivar; o director de Culturagalega.org, Manuel Gago; o profesor e secretario da Asociación de Periodistas Bloggers, Pedro García-Alonso; Marcus Fernández, webmaster e subdirector da revista tecnolóxica Código Cero; o subdirector de La Voz de Galicia Carlos Agulló; o xefe de redacción de Vieiros, Roberto Noguerol; o promotor da plataforma multimedia Galiciae.com, Juan Castro Rodríguez; Juan Varela, xornalista, consultor de medios e director de Mediathink Consultores e José Pereira Fariña, vicedecano e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, María Helena Veiguela Martínez, clausurou as sesións.