Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Empregados á folga

"Traballar no comercio e ter familia e fillos? Imposíbel"

Estreitos soldos, horarios revirados e impacto precarizador das grandes cadeas están atrás das folgas no sector. Os sindicatos critican a Industria e Traballo.

R. Noguerol - 09:00 28/11/2008

Os empregados do comercio están a sufrir da imposición de contratos a tempo parcial que reducen de xeito considerábel os seus ingresos. Á beira, os patróns impóñenlles horarios caprichosos e con criterios ben discutíbeis, chegando por exemplo a esixirlles ir ao traballo en hora punta dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, cos conseguintes tempos de desprazamento e a cambio de fracos soldos por teóricas xornadas de catro horas. Manobras que de paso impiden que os traballadores poidan compatibilizar con outras ocupacións complementarias. Un contexto que agrava unha situación onde nove de cada dez persoas con xornada completa xa non pasan apenas dos 800 euros en Galiza, cantidades medias que en de por si xa están por baixo da media estatal no sector, segundo indica Fran Cousillas, representante de CCOO-Galicia.

O estabelecemento arbitrario das categorías profesionais, en moitas ocasións categorías cualificadas de "ficticias", é outro burato para a precarización dos traballadores do sector comercial. Por exemplo, a denominación "axudante de dependente" converteuse en burato habitual para a contratación de traballadores que na práctica realizan as tarefas habituais dun dependente. En moitas ocasións os, segundo contrato, supostos axudantes, chegan a estar sós na tenda e non por iso cobran máis, coinciden en denunciar Álvaro Cajigal, de UXT-Galicia e Roberto Pérez Vila, responsábel de Comercio na CIG.

Regulamentos ao servizo das grandes cadeas e marcas
"Antes podíase aspirar a vivir toda a vida traballando no comercio, agora é algo para estar de paso mentres se poida apandar coa extrema precariedade", sinala Pérez Vila. "O empresariado tradicional era máis respectuoso", sinalan Vila e Cousillas. "O feito de que un sector como este onde é tan complicada a mobilización dea o paso de ir á folga é exemplo do extremo ao que chegaron as cousas", subliña o representante de CCOO. Segundo Fran Cousillas a situación "é vergonzosa", con xente cobrando "menos de 400 euros ao mes por supostas medias xornadas". "Situacións insostíbeis para unha familia", di o voceiro de Comisións. Unha opinión coa que coincide Álvaro Cajigal, da UXT, para quen é "imposíbel" que a mocidade que está accedendo ao sector do comercio na actualidade poida aspirar "a formar familia e ter fillos".

Afondando na mesma idea, o voceiro da CIG chama a atención sobre o cambio nos perfís do traballador que acelerou a monopolización do sector por parte das grandes cadeas. "Buscan xente nova que está de paso e á que poidan espremer, non queren a ninguén que se faga vello no choio", analiza Roberto Pérez Vila. Exemplo do cambio é que nas novas superficies comerciais creadas nas cidades e grandes vilas xa só se realizan contratos de tipo temporal. Paradoxalmente a aposta pola estabilidade queda de xeito residual no comercio "de sempre", mentres as tendas das multinacionais e novas marcas que máis cartos xeran espremen e precarizan os traballadores até extremos "insostíbeis".

Acusan a Xunta de "indiferenza"
Na opinión das formacións sindicais consultadas, un problema a maiores no actual conflito é o desinterese desde a administración por atender as reclamacións realizadas polos traballadores. Segundo explican, a única axuda desde o ámbito político para tratar de mediar co sector empresarial chegou até o de agora desde a a concellaría de Promoción Económica e Comercio de Santiago. Agradecen os sindicalistas o esforzo do concelleiro nacionalista Xosé Manuel Iglesias, pero critican que os actores con verdadeira capacidade de presión, as consellarías de Traballo e Industria, permanecen indiferentes ao conflito. "Pasan a pelota entre eles e ninguén fai nada", quéixase Álvaro Cajigal, de CCOO-Galicia.

"A Consellaría de Traballo, a quen se lle supón que debera atender as reclamacións en materia de relacións laborais permanece allea á situación", critica Roberto Pérez Vila, da CIG. Sinalan os sindicalistas que o feito de que as grandes multinacionais non estean na mesa de negociación é exemplo da falta de compromiso da administración para urxirlle a patronal ao diálogo. "Permanecen autistas por completo, mentres o pequeno comercio afunde", critica Pérez Vila, laiándose de que o compromiso do conselleiro de Industria de intervir no conflito non se explicitase.

O enfado é tamén grande co conselleiro de Industria, Fernando Blanco, a quen lle recordan que se comprometera publicamente a tratar de mediar no tirapuxa. Pola contra, este departamento non fixo de momento ningún contacto coas organizacións sindicais nin coa patronal. "Pillárono polo medio nun acto sobre comercio e fronte ás protestas, fixo unha promesa para saír do paso", acusan a Blanco. "Uns por outros e a casa sen varrer", láianse desde as formacións sindicais.

O próximo calendario de folga chega até xaneiro
A loita está de actualidade agora na provincia da Coruña, onde os 10 mil traballadores do sector xuntarán forza para a reforma do actual convenio. Haberá tres paros nas vindeiras semanas. O primeiro será o venres 28 de novembro, e os seguintes o 24 de decembro e o 5 de xaneiro, realizados en datas de especial afluencia ás tendas coa fin de facer presión sobre a patronal.

Os sindicatos esperan o seguimento da folga de arredor do 90% dos empregados do pequeno comercio da provincia. Ao fío, agardan que sobre o 40% do total chegue a participar de xeito activo nos piquetes informativos. Desde as 9 horas da mañá, os traballadores van percorrer as proncipais áreas comerciais coruñesas. Así por exemplo, na cidade herculina estarán no centro comercial Catro Camiños, en Compostela no contorno da Praza Roxa e en Ferrolterra no centro comercial naronés Odeón.


4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: