Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Daily Telegraph

Recompilan as 30 maiores teorías da conspiración

A listaxe, encabezada pola suposta orixe gobernamental dos atentados do 11-S, inclúe varias crenzas relacionadas coa Nova Orde Mundial.

Redacción - 13:15 25/11/2008
Un dos 'misteriosos' murais do aeroporto de Denver

Un dos 'misteriosos' murais do aeroporto de Denver

A edición dixital do británico The Daily Telegraph recompilou as que considera 30 maiores teorías das conspiración da historia da humanidade. Nunha galería de imaxes repasa feitos que teñen unha explicación oficial pero que espertaron sospeitas que se estenderon polo imaxinario colectivo.

Aínda que algunhas desas crenzas carecen de calquera base científica, outras deixan a porta aberta á dúbida sobre posíbeis intereses ocultos. Non é o caso, por exemplo, da número 30: os Chemtrails. Segundo esta teoría, os rastros que deixan no ceo os avións, que se supoñen cristais de xeo ou vapor de auga condensado, son en realidade axentes químicos ou biolóxicos que se soltan na atmosfera con algún escuro propósito. Esta idea foi espallada por programas radiofónicos ultraconservadores nos Estados Unidos, que relacionan estes rastros coa Nova Orde Mundial.

A da Nova Orde é precisamente a conspiración número 5, e coa que están relacionadas outras da lista. Segundo esta crenza, varios grupos secretos moi poderosos teñen a intención de dominar a humanidade cun único goberno mundial. O seu símbolo sería a pirámide que figura no reverso do Gran Selo dos EUA. Outros dos signos desta conspiración serían os estraños murais do aeroporto de Denver ou pentagramas que existen en planos de cidades. Nesta Nova Orde Mundial estarían implicadas organizacións como o Banco Mundial, o FMI, a ONU, a OTAN ou a UE.

A clasificación está encabezada pola suposta conspiración do goberno estadounidense para provocar os accidentes do 11-S, aínda que na lista de 30 tamén podemos atopar outras teorías tan variadas como a do asasinato de Kennedy, o OVNI de Roswell, a non-chegada do ser humano á Lúa, o casamento de Xesús, o asasinato de Lady Di, a non-morte de Elvis, a verdadeira identidade de Shakespeare, ou a morte do verdadeiro Paul McCartney.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: