Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
UN MILLEIRO DE PERSOAS

Unha manifestación pide en Ferrol mellores infraestruturas

Pedíronlles ás administracións competentes levar o tren ao porto exterior de Caneliñas e construír unha vía de alta capacidade na costa.

Redacción / EP - 17:46 23/11/2008

Máis de mil persoas manifestáronse este domingo na praza de Armas de Ferrol chamados pola Asociación Impulsora do Plan Ferrol, integrada por sindicatos e empresarios da comarca. A concentración esixiulle ao goberno español e á Xunta que dote a comarca de infraestruturas como o tren ao porto exterior ou a vía de alta capacidade da Costa.

A manifestación estivo encabezada polos representantes comarcais dos sindicatos CIG, UXT e CCOO, polo presidente da Cámara de Comercio e mais os responsábeis das asociacións de empresarios CEF e Cefeor, portando unha faixa coa mensaxe "Polo cumprimento dos compromisos con Ferrol, Eume e Ortegal".

A protesta partiu pasado o mediodía do peirao de Curuxeiras e rematou na praza de Armas, despois dun percorrido polas principais rúas ferrolás, nas que se lle foi sumando máis xente. Estiveron nela os alcaldes socialistas de Ferrol, Fene e Cedeira, representantes de Terra Galega de Narón e de Neda e os rexedores populares de Pontedeume, Ortigueira e Cabanas.

O BNG desmarcouse da mobilización porque considerou que a prioridade para a comarca é a construción naval civil na antiga Astano, e que esta petición non se pode incorporar só de xeito parcial.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: