Os feitos aconteceron en 2004 na Merca, mais foron xulgados na Audiencia Nacional. Enfrontábase a unha pena de 3 anos de cárcere por "danos de carácter terrorista".
A militante independentista Maria Bagaria
Segundo informan dende Ceivar, a militante de AMI Maria Bagaria foi absolvida "por falta de probas" das acusacións de participación nunha sabotaxe nas obras de construción dunha minicentral hidroeléctrica na Merca (Terra de Celanova), acontecida en 2004.
A Audiencia Nacional, onde foi xulgada Bagaria o pasado 5 de novembro, emitiu esta quinta feira un auto no que exculpa á independentista de calquera responsabilidade penal, tras asegurar que non é posíbel atribuír a comisión da sabotaxe á súa persoa. Nun comezo, Maria Bagaria enfrontábase a unha posíbel condena de 3 anos de prisión por un delito de danos con carácter terrorista, a inhabilitación absoluta por un período de nove anos, e o pago dunha indemnización á empresa construtora que roldaba os 2.500 euros.