Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ás portas das eleccións galegas

PP e BNG cren que o PSOE bota man de "manobras dilatorias" co voto en urna

Os socialistas admiten que a reforma non estaría lista para a votación de 2009 en Galiza.

Redacción - 09:00 21/11/2008

O grupo parlamentario do PSOE no Congreso volveu acusar este xoves de "oportunismo" ás peticións reiteradas do resto de formacións políticas para acelerar a reforma da lei electoral e, en particular, garantir que nas vindeiras eleccións en Galiza non sexan posíbeis as irregularidades detectadas en pasados comicios no voto do Censo de Residentes Ausentes. Foi desta volta o voceiro do PSOE na subcomisión para a reforma electoral, José María Benegas, quen admitiu que os socialistas non teñen na axenda a previsión de ter lista a reforma para a cita galega coas urnas. Xustificouno o deputado socialista dicindo que o seu partido quere "unha reforma electoral que dure outros 30 anos" e cualificando de "oportunismo" a petición dos cambios "para unha convocatoria máis ou menos próxima".

O BNG advirte de que se queren deixar abertos os buratos
"O PSOE xoga a confundir", denuncia o voceiro do BNG no Congreso. "O chamativo é que propoñen que o voto por correo fique como está, é dicir, sen introducir cambios que eviten a suplantación da identidade dos votantes e remitíndoo de oficio a todos os electores inscritos no CERA", láiase Francisco Jorquera.

Na opinión do deputado do Bloque na Cámara Baixa deste xeito o voto en urna converteríase nunha anécdota, no canto de ser o procedemento preferente de voto e contemplado só o exercicio do voto por correo en circunstancias excepcionais "cando o elector non poda acudir a votar presencialmente". "O procedemento actual de votación facilita todo tipo de manipulacións e para evitalas é preciso que o voto en urna sexa a norma, non, como propón o PSOE, a excepción", subliña Jorquera.

Freos "inxustificábeis", denuncia o PP
"Se finalmente os 329 mil galegos que residen no exterior non poden votar en urna de modo presencial nas vindeiras eleccións autonómicas, só haberá tres responsábeis: Touriño, Zapatero e o PSOE", subliñaba este xoves Celso Delgado, deputado ourensán do PP no Congreso, acusando os socialistas de manter "unha dobre linguaxe", votando "unha cousa no Parlamento en Galiza e outra no Congreso en Madrid".

Os populares consideran que os socialistas están aproveitando a subcomisión do Congreso para introducir "todo tipo de problemas técnicos e dificultades de de administración electoral". Unha actitude que segundo Celso Delgado parecería buscar "unha coartada para seguir dilatando sine die o asunto". Delgado considera que se o goberno español tivese vontade política de acometer realmente esta reforma "faría seu o texto da proposición de lei orgánica do Parlamento ou tomaría como eixo central esta proposta". Na opinión do deputado ourensán, o texto galego ofrece resposta ás necesidades do conxunto do sistema electoral, e non só das eleccións ao Parlamento de Galicia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: