Tamén as que teñen menos do 40% da súa produción dedicada ao sector. Os sindicatos estiman que serán 123 as compañías que se beneficien do plan.
Esta terza feira xuntouse en Vigo, por segunda vez en dous días, o Foro da Automoción (representantes das Consellerías de Traballo e Economía, dos sindicatos CIG, UXT e CCOO, e os empresarios, agrupados en Ceaga e Asime), para concluír a que empresas irían destinados a partida de entre seis e 10 millóns de euros que a Xunta decidiu destinar ao sector, para paliar os efectos da crise.
O Goberno anunciaba a creación destas axudas esta segunda feira, mais as empresas só podían acollerse a elas durante o mes de decembro próximo, no que están previstos unha serie de paros nas cadeas de montaxe de Citroën, en Vigo, que poderían afectar seriamente a produción nas empresas auxiliares, as fabricantes de compoñentes. Na segunda xuntanza, o obxectivo era discernir a que empresas irían destinadas estas partidas monetarias. Ao parecer, segundo indicaron os representantes sindicais presentes no Foro, serán unhas 123 empresas as que se poidan acoller ás axudas, unha iniciativa que beneficiará a oito mil traballadores.
Requisitos para acceder a un pedazo dos 10 millóns de euros
Segundo lle revelou Miguel Anxo Malvido, voceiro da CIG-Metal, a Europa Press, os requisitos que teñen que cumprir as empresas para acceder ás axudas que o Goberno vai destinar á automoción, son non ter presentado ningún ERE (Expediente de Regulación de Emprego) para os seus traballadores, e demostrar que, polo menos, un 40 % do que producen se destina a este sector.
Posibilidades de crear programas de formación para os empregados activos
Na xuntanza da segunda feira falárase da posibilidade de destinar o cadro de persoal activo -que non teña traballo cando baixe a carga de produción do sector, nos meses finais do ano-, a cursos de formación continua, de tal xeito que manteñan os seus soldos, evitando que as empresas recorran aos EREs. Porén, segundo o responsábel de compoñentes de automoción de CCOO-Galicia, Celso Carnero, a realización dos programas de formación "dependerá do perfil de cada empresa", lembrando que nesta industria hai factorías dedicadas a múltiples actividades "dende a electricidade a robótica". En todo caso, Carnero acrecentou que estes planes irán destinados, sobre todo, ás empresas que "estean afogadas e non teñan máis medidas de flexibilidade".
Celso Carnero tamén lembrou unha das reivindicacións dos sindicatos durante as xuntanzas do Foro da Automoción, que as axudas non se limiten ao mes de decembro -"no que se prevé a gran fochanca"-, senón que se "siga traballando para articular novas medidas tamén para xaneiro".
A vindeira sexta feira desenvolverase unha nova xuntanza do Foro, en Compostela, un feito que unido á "compromiso e vontade expresa " da Xunta, de axudar ao sector, significa para Rubén Pérez, responsábel de Automoción de UXT-Galicia, un cambio de actitude que, se ben é positivo, "debería ter acontecido xa hai tempo, porque se sabía que había un problema real".