Seguindo unha petición da Fiscalía, agardan a que se saiba se o xuíz é competente para investigar sobre os crimes da Guerra Civil.
O Pleno da Sala do Penal da Audiencia Nacional acordou, esta sexta feira, por 10 votos a cinco, paralizar a exhumación de todas as foxas comúns da Guerra Civil, incluída a que supostamente alberga os restos do poeta granadino Federico García Lorca, autorizadas polo xuíz Baltasar Garzón.
Esta foi a decisión que tomaron os maxistrados, após unha xuntanza que durou algo máis de dúas horas e que se desenvolveu de xeito extraordinario, para avaliar unha petición feita pola Fiscalía española, que solicitaba paralizar as dilixencias avaladas por Garzón e o seu substituto, o xuíz Santiago Pedraz. Os fiscais alegaban que estas actuacións (a apertura de 25 foxas identificadas) comandadas por Garzón, podían causar "a terceiros prexuízos irreversíbeis de difícil reparación".
Esta petición da Fiscalía chegaba despois de que, esta quinta feira, se soubese que o xuíz Pedraz autorizada á familia de García Lorca a presenciar a apertura da foxa na que se atopan os seus restos, e que admitira a exhumación de corpos noutros seis lugares, entre eles o chamado Valle de los Caídos.